RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Lucas: "Temos a esperanza, a ilusión e as ganas para saír de aí"

Lucas Pérez compareceu ante os medios informativos na sala de prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR.

O dianteiro deportivista lembra que este domingo 1 de abril no Estadio Wanda Metropolitano ante o Atlético de Madrid (20:45, Bein LaLiga), "imos ter un rival moi complicado no seu campo, onde é moi difícil puntar. Imos coa necesidade de sacar os 3 puntos".

Confesa que "o que máis rabia dá é non sacar ningún dos 3 puntos destes últimos partidos en casa. Iso é o que nos dá rabia. Temos a necesidade de ir ao Wanda a sacar os 3 puntos".

Non se fía das baixas do Atlético: "A dificultade é a mesma porque o cadro é de grandes xogadores aínda que teñan baixas importantes. Son todos de gran nivel".

Asegura que "cando salto ao campo non penso se o Levante gañou, empatado ou algo polo estilo. Cando salto ao campo esquézome de todo, o que me preocupa é gañar para sacar os 3 puntos. Dá igual se o Levante perde, gaña ou empata. Se nós non facemos o noso traballo, non serve de nada".

Ve a Clarence Seedof "coa mesma ilusión do primeiro día que veu, coas mesmas ganas de traballo. Sabe o potencial que temos. Loxicamente está triste e desilusionado porque non lle saen as cousas a todos. O empeño e o traballo, lémbranolo todos os días, témolo".

Explica que os futbolistas "estamos igual que todo o mundo, desilusionados, con ganas de que nos saian as cousas desde hai moito tempo. Vimos con ese sentimento que nos chegue unha vitoria para tentar cambiar o rumbo. Nós seguímolo tentando día a día. Non coñezo outra maneira de facelo, con esforzo, con traballo, con ganas. É a única maneira que vexo para conseguir unha vitoria, que a nivel anímico viríanos moi ben para levantarnos todos e para coller moita máis confianza para a recta final".

Insiste en que "necesitamos unha vitoria para cambiar o rumbo. Unha vitoria para a moral, para a xente, para ver que nos sae o traballo. Nun grupo de tantos beneficia e iso é o que necesitamos".

Confesa que "cando me vou para a miña casa despois de que non che saian as cousas vaste fodido. Non quero ver nin á miña familia, nin aos meus amigos. Quero estar só. O que lle pasa a todos os xogadores do mundo. Non coñezo a ningún xogador que despois de perder se vaia contento. Ímonos todos amolados. Vaste triste, fodido, decepcionado. Ademais coa ilusión que tiñamos postas nesta temporada, que as cousas non saian ben nin a nivel colectivo nin a nivel individual..."

Sobre as posibilidades de salvación, lembra que "non é a primeira vez que os equipos que estaban máis mortos levántanse, rexorden e saen de aí. Non é a primeira vez que os últimos equipos de 8 partidos gañan 5 e saen. Temos a esperanza, a ilusión e as ganas para saír de aí. Iso témolo intacto pero necesitamos animicamente un bo resultado para seguir traballando coas ilusións que temos, coas ganas todos de saír de aí".