RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Luis César admite que "fomos inferiores ao Zaragoza e merecemos perder"

Luis César manifestou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que a situación é "crítica. Hai que reaccionar xa".

O técnico deportivista reitera que "só hai un camiño, cara a adiante. Non hai máis. O partido de hoxe non empezou ben, pero aínda así estaba igualado. Cando encaixamos o gol, o equipo veuse abaixo 10 minutos. A partir de aí chegamos ao descanso 0-2, pensando que era imposible remontar. Fixemos un moi mal partido. Estamos nunha situación moi delicada. Queda moita liga pero cada vez menos. Temos que reaccionar xa. Fomos inferiores ao Zaragoza e merecemos perder".

Sostén que "me chamaron para resolver unha situación e non a estou resolvendo. Veño aquí porque o Dépor está mal. Se non estivese mal, non cambiaban de adestrador. Tráenme a min para tentar resolver esa situación comprometida e non a estou resolvendo".

No entanto, séntese con forzas: "Xa coñezo estas sensacións e síntome con forzas. Claro que si. Non son un novel. Estiven moitas veces, lamentablemente ou grazas a deus. Recoñezo esta situación. Un non se afai a isto porque non lle gusta, porque lle gusta vir ás roldas de prensa e que lle fagan outro tipo de preguntas. Entre todos temos que sacar isto. Teño que sacar isto como sexa, tocar a tecla que teña que tocar para arranxar isto. Hai que insistir e buscar. É o que teño que facer. Non me queda outra. O máis importante que aprendín no fútbol resúmese en dúas palabras: Cara a adiante. Sempre é o mesmo. Cara a adiante cando ganas, cara a adiante o seguinte, cara a adiante cando perdes. E cara adiante cando levas 9 partidos sen gañar. Non queda outra".

Confesa que no Club "estamos todos moi preocupados porque non damos coa tecla para gañar partidos. Preocupadísimos. É o normal, o esperado. Son momentos difíciles para todo o mundo".

Asume Luis César que "estamos aquí por méritos propios. Non estamos a facer as cousas ben nin a nivel individual nin a nivel colectivo. Os culpables somos os que estamos aquí abaixo, evidentemente. Non sei en que porcentaxe. O adestrador e os xogadores somos os responsables de que o equipo non gañe. Eu o primeiro porque son o adestrador desde fai 9 partidos e os xogadores. Estamos a poñernos a proba cada semana ante rivais e non somos capaces de gañar. Temos que solucionar isto. Non hai máis".

Finalmente, Víctor Fernández, técnico do Real Zaragoza, afirmou que "fomos superiores na maioría dos tramos do partido".

Cre que o seu equipo "demostrou madurez, sobre todo cando fallou un penalti. Lonxe de virse abaixo tivemos paciencia e habemos ir a buscar o terceiro gol, e conseguímolo".