RCD / NOVAS

Luis César cre que "a dinámica cambiou" e asegura que o equipo "deu hoxe un paso importante"

20/12/2019 23:35

Luis César manifestou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que "temos que sufrir para saír desta situación e estou convencido de que isto sairá para adiante".

O técnico deportivista explicou que "estes rapaces necesitaban gañar un partido e tiñamos que ir a Illueca (o pasado martes en Copa) con todo para tentar gañar. Loxicamente sendo previsores, deixando algúns xogadores con molestias e xogando un pouco cos esforzos. Se non gañamos en Illueca, hoxe creo que non gañamos tampouco. Pero pagueino na segunda parte porque o equipo se me caeu. Christian, Koné pediu o cambio, a viaxe, os esforzos... Aketxe non foi o mesmo na segunda parte".

Subliñou que cando parecía que o final de partido "ía ser infeliz como sempre, a dinámica cambiou. Gañamos un partido. Puxémonos por diante. Gañámolo en Copa. Puxémonos por diante neste. Marcamos a balón parado. Non marcamos un gol a balón parado desde que estou aquí. Xa tocaba".

Ve aos seus xogadores "sensibles porque non elixen sufrir. Non elixen estar nesta situación. Pero tócalles e o que teñen que facer é saír dela. Hoxe deron un paso importante. Ven a luz. Ese partido de Copa é importante porque quedaron moitos equipos eliminados. A luz é máis grande. Agora vanse de Nadal coa satisfacción de que levan 2 partidos oficiais sen perder. A sorte cambioulles a estes mozos".

A nivel persoal, co gol de Nolaskoain sentiu "unha alegría tremenda, polos xogadores, polo Dépor e por min. Necesitaba animarme. Até agora animeime animando aos demais. Hoxe anímome con esta vitoria. Agora non teño que animar aos demais. Os demais anímanse sós co gol e eu anímome porque vexo un triunfo. Non teño que animar a ninguén".

Pola súa banda Rubén Baraja, técnico do CD Tenerife, afirmou que "a primeira parte foi mala. Non estivemos ben. É verdade que o Dépor aproveitou o erro que tivemos e na contra fannos o 1-0 sen gran superioridade. Na segunda parte merecemos moito máis. O equipo xerou situacións. Tivemos 4 ou 5 situacións claras para empatar, ademais do penalti. A acción final é un erro de concentración no último minuto. Co que custa fainos ter un sabor moi amargo".

Máis novas de: LUIS CÉSAR