RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Luis César: "Levo poucos días e vexo xente comprometida. De momento non saen as cousas, pero van saír seguro"

Luis César manifestou na sala de prensa do Estadio Gran Canaria que o partido desta noite "é un ensino boísimo. Perder 3-0 non lle gusta a ninguén. Pero ou ganas ou aprendes. O partido deixou un ensino para nós. Imos revisar, imos observar as cousas que fixemos moi mal e as que fixemos mal. O bo e o malo. Trátase de crecer para perfeccionarse para o seguinte partido".

O técnico deportivista recoñece que "animicamente as derrotas van deixando secuelas. Non gañar partidos pon á xente triste e deprimida. Temos que recuperarnos. Cada partido é un comezo novo. Agora empeza desde xa o partido do Málaga (do domingo 20 de outubro en ABANCA-RIAZOR, 16:00 horas). ¿Como empeza? Observando detidamente que fixemos mal aquí. Moitas cousas fixemos mal. Cada partido hai que perfeccionarse e trataremos de saber vendo todo porqué perdemos hoxe aquí".

Admite que "é un momento que non nos gusta. O fútbol é isto, estar contento, estar triste. A min tócame estar triste. Agora toca ver o partido e a partir do martes perfeccionar isto que saíu mal aquí. E tratar de bater ao seguinte rival. E así cada semana".

Insiste en que "hai que estar deprimido o xusto. Hai que estar alegre o xusto. Se tivésemos un refacho bo diría que hai que esquecer e centrarse no seguinte partido. E agora que estamos nun refacho malo, digo que temos que esquecer. Xogamos moi mal partido, pero polo resultado de hoxe non empezamos perdendo 0-1 co Málaga. Cada partido é unha historia. O que si temos que facer é tratar de facer as cousas mellor que hoxe".

Engade que os xogadores do Dépor "están tristes. Son seres humanos, son persoas. Vense na clasificación nun posto inesperado para eles. E as cousas non saen. E os puntos non chegan de 3 en 3".

Márcase como obxectivo Luis César, máis que a longo prazo, "gañar o seguinte partido. Non sei os obxectivos dos demais. Non se quen vai ascender. Sei o que é a liga, sei o que é esta Segunda División. Dígame vostede un equipo que vaia a ascender. Non teño nin idea. ¿Como vou saber o obxectivo do Dépor? É gañar o seguinte partido e aumentar a nosa marcadora de puntos".

Quere deixar claro que non houbo falta de ganas: "Estivo bloqueado, pero non é por falta de ganas. Non é desidia nin apatía en absoluto. Poño a man no lume por eles. Non saen as cousas e as derrotas van deixando secuelas e pode dar esa sensación. Non é porque o equipo estea apático, con desidia e déalle igual. Non eliximos sufrir. Os xogadores do Deportivo non queren sufrir no campo, queren gañar, queren que a xente lles queira, que lles aplauda. A todos gústanos gañar partidos para que nos recoñezan o traballo. Levo poucos días no vestiario e vexo xente comprometida. De momento non saen as cousas, pero van saír seguro".