RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Luis César quere que o equipo marche de vacacións do Nadal "con esa luz que nos permita achegarnos á saída deste túnel"

Luis César manifestou este mediodía en sala de prensa que observa no vestiario estes días, tralo partido de Copa, "caras de satisfacción. Por fin transformamos o que queremos en resultados positivos. Até agora os esforzos non tiñan recompensa. O outro día si. Desexamos que o triunfo do outro día sexa o inicio de moitos triunfos do Dépor".

Insiste en que mañá venres 20 de decembro en ABANCA-RIAZOR ante o CD Tenerife "o que queremos é unha vitoria necesaria para o Dépor que en liga fai moito que non a ten. Que o equipo marche de Nadal con esa vitoria e con esa luz que nos permite ir achegándonos á saída deste túnel".

Confesa que tralo seu paso polo CD Tenerife a finais da temporada pasada o partido "é especial porque sempre que te enfrontas a un equipo no que estiveches, sempre tes bos recordos. Alí foi un momento difícil para min, co descenso axexando. De perder un partido podías descender. Coñezo a eses xogadores, como senten. Coñezo ao 90 % dos xogadores que van xogar aquí mañá. Foi un momento duro, pero fomos capaces de sacalo. En 4 partidos co CD Tenerife saquei máis puntos que en 10 co Deportivo. ¿Por que? Non o sei. Non é que traballase máis alí que aquí, nin moito menos. Este deporte é así. Ás veces non compensa os esforzos con resultados que queres".

O adestrador deportivista recoñece que "escoito todo e leo todas as informacións porque quero saber o que se di de min. Non sei se mañá vai ser o meu último partido no Dépor. É algo que está aí. Non sei se é certo todo". "De todos os xeitos o que teño é que ocuparme de que este equipo gañe mañá. É a miña obrigación. A maior satisfacción dun adestrador é gañar partidos. Despois está que o mellor é ser digno. Eu trato de ser digno e esforzado".

Entende unha substitución no banco coa chegada dun novo Consello de Administración: "Entendo todo. O que leo, o que escoito é que vai vir Fernando Vidal. Fernando Vidal é de pedigree, gran deportivista, e vai facer todo o posible por resolver a situación, por resolver os problemas do Deportivo, se finalmente é o novo Presidente. Entendo todo. Claro que si".

Tamén apunta que le que ao banco "pode vir Fernando Vázquez, polo que dicides vós. Se eu téñome que ir, alégrome de que veña Fernando. É amigo meu".

Reflexiona Luis César que a destes días non foi a peor situación que viviu como técnico: "En Albacete estaba peor que aquí. Isto non é un mundo idílico, non é fácil. Ao final tampouco lle importa a ninguén que sexa un marrón para min. Eu son un profesional e teño que saber manexarme nestas situacións. As situacións veñen como veñen. Gustaríame estar noutra situación. Pero tócame vivir isto e non teño que baixar nadiña de nada a miña profesionalidade. Nada. Preparar o partido de CD Tenerife como calquera partido de liga, coma se estivese feliz e contento, coma se estivésemos ben clasificados. Eu non baixo a garda. Até o última día douno todo".

Acepta que o campo estea en malas condicións "como sabiamos que podía suceder. No momento no que estamos, no inverno, é normal que poida quedar así. Pero non lle damos maior importancia que a que ten. Estando o campo en boas condicións non gañamos, agora non imos utilizar esta desculpa para dicir que o campo está fatal e xa temos esa coartada. Se non gañamos nun campo ben, temos que gañar mañá co campo mal ou fatal".