RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Luis César: "Somos os responsables do noso sufrimento e o de todo o deportivismo"

Luis César manifestou este mediodía na sala de prensa de Abegondo que "os responsables do sufrimento da xente que asubía somos nós. E tolerar as incertezas e as adversidades forma parte do noso oficio e do noso soldo. E se asubían, fan ben asubiar, porque están a sufrir. Nós somos os responsables do noso sufrimento e do deles".

O técnico deportivista confesa que lle gustaría un ABANCA-RIAZOR cheo e envorcado co seu equipo, pero para iso, "o equipo tenlle que dar puntos e bo xogo. Para que a cabeza funcione hai que ter ben a clasificación. E para ter ben a clasificación non se poden encaixar 29 goles. E iso é responsabilidade de todos, do dianteiro, e de aí para abaixo".

Preguntado polas declaracións de Dani Giménez ao finalizar o partido no Francisco de la Hera de Almendralejo nas que revelaba certa tensión no vestiario tralo asubío final, Luis César subliña que "non pasou absolutamente nada grave máis que a xente estaba crispada polo resultado. Hai que saír enfadados ao campo, non volver enfadados. Cando vés de volta xa non hai solución. A solución está antes de saír ao campo. Imos saír mañá enfadados e imos vir contentos".

O adestrador branquiazul explica que "o noso verdadeiro sufrimento, o que nos fai sufrir son 29 goles en contra. Quen se fai responsable dese sufrimento que temos aquí? Nós somos os responsables. Nós somos os responsables do noso sufrimento e do sufrimento de todo o deportivismo. O deportivismo sofre porque ve ao seu equipo mal clasificado. O seu equipo está mal clasificado porque ten 29 goles en contra en 16 xornadas, os goles que tiña que ter encaixados na xornada 30. Van 14 xornadas por detrás nos seus números defensivos. E ese é o mal que temos. Esa é a nosa metástasis".

O seguinte paso, segundo Luis César, é analizar o porqué: "Non é sinxelo. Pode haber erros individuais, que os houbo; conceptuais, que os houbo. Pero son dos que penso que un equipo cando encaixa goles, é por culpa de todos. E cando un equipo marca goles, é porque o equipo fai cousas para que os seus dianteiros marquen goles. Os responsables dos goles que lle meten ao Deportivo son o seu adestrador, os dianteiros, os medios, os defensas e o porteiro. E cando un equipo marca goles, o primeiro responsable é o porteiro, o defensa, o medio que lle entrega os balóns ao dianteiro. Con 29 goles en contra non imos a ningún lado. Temos que solucionalo".

Recalca que os goles encaixados "levan a unha mala clasificación. A mala clasificación fainos perder autoestima, fainos ter un desequilibrio emocional. Á parte de todo iso, inhibe o talento. O talento queda inhibido pola tensión e a angustia que se xera polos malos resultados. Ao final estamos desequilibrados. Todo empeza nos goles encaixados".

Pon por exemplo o técnico do Dépor outros deportes: "Imaxina que un equipo de baloncesto encaixase cada semana 105 puntos. Ten que anotar 106 para gañar. É imposible. De quen é a culpa, dos pivotes ou do base? A culpa é dos 5. E se un equipo de balonmán encaixa 40 goles por partido, hai que marcar 41 para gañar. De quen é a culpa, do porteiro, do pivote ou do extremo? A culpa é de todos".

Do AD Alcorcón, rival mañá sábado 23 de novembro en ABANCA-RIAZOR (18:00 horas, Movistar LaLiga), Luis César recalca que "está a facer as cousas moi ben. É un equipo sólido, que corre moito. É un rival duro de bater. Pero dá igual que veña o Alcorcón, o Cádiz... Nós temos que cambiar a partitura. Todos os rivais son difíciles e todos nos marcan gol. É o que estamos a ver. Mañá vén un bo equipo e temos que facer o noso traballo".