RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Luisinho asina a primeira vitoria (1-0)

Un gol de Luisinho no tempo engadido da primeira metade deu ao Deportivo unha merecida primeira vitoria no campionato 2017-2018, ante un Alavés inferior, que apenas xerou perigo ante a portería coruñesa.

Pepe Mel, adestrador do RC Deportivo, efectuou tres cambios no seu once titular con respecto ao que caeu ante o Betis o pasado sábado no Benito Villamarín. Fernando Navarro deixou o seu posto no lateral esquerdo a Luisinho, mentres que os lesionados Zakaria Bakkali e Adrián López foron substituídos por Fede Valverde e Lucas Pérez.

Non foi ata case o ecuador do primeiro período, no minuto 21, cando chegou a primeira ocasión do encontro. Fede Cartabia debuxou un fantástico slálom en diagonal, cedeu para a chegada en carreira de Luisinho, o portugués centrou, a defensa vitoriana rexeitou e o esférico caeu a pés de Fede Valverde. O uruguaio enganchou unha volea que se foi por riba do traveseiro do marco de Pacheco por moi pouco.

Ata entón, os dous equipos batallaron sen cuartel en mediocampo, con moitas faltas, imprecisións e escasas accións ofensivas. O Alavés perdeuse unha e outra vez en fóras de xogo de Munir El Haddadi. O Dépor non atopou a conexión entre a súa medular e a liña atacante de tres homes composta por Lucas Pérez, Florin Andone e Fede Cartabia.

Tardou outros dez minutos en vivirse outra situación de perigo e de novo foi a favor do Dépor. No minuto 32, tras un saque de esquina, de novo Fede Valverde recolleu o despexe da defensa visitante. O centrocampista abriu cara á dereita para Andone, que disparou coa súa bota dereita. O lanzamento tamén foise por riba do traveseiro.

Cinco minutos despois, Fede Valverde cabeceou a destempo, gañando o salto a Rubén Duarte, un centro de Luisinho.

A primeira ocasión do Alavés chegou pasado o minuto 40, nun envelenado disparo lonxano de Munir que Costel Pantilimon desviou a saque de esquina. No córner, Rodrigo Ely gañou a partida á retagarda coruñesa e a súa cabezada estrelouse no poste esquerdo do portal herculino.

Un par de minutos despois, un durísimo envío de Rubén Duarte practicamente desde a liña de fondo paseouse pola liña de gol tras coarse entre Pantilimon e o pau dereito da súa portería.

Cando xa non había tempo para máis, Andone recibiu un balón en profundidade, virouse na área e cedeu ao bordo da mesma para a chegada desde atrás de Luisinho. O portugués conectou un zurdazo por baixo que Pacheco foi incapaz de rexeitar. O balón chegou ao fondo das mallas, converténdose no 1-0. O colexiado Medié Jiménez sinalou o camiño dos vestiarios nada máis realizar o Alavés o saque de centro.

A segunda metade arrancou cos mesmos protagonistas e polos mesmos camiños, aínda que cun Dépor máis metido en campo contrario. Con todo, a bagaxe ofensiva resumiuse nun zurdazo afastado e alto de Juanfran e unha falta lateral colgada á área que ninguén rematou e que a zaga visitante rexeitou con dificultade.

No minuto 55, o Alavés, por medio de Burgui, puxo en perigo a portería de Pantilimon. O romanés rexeitou un durísimo disparo do extremo visitante, no que o balón fixo un estraño.

Cando se cumpría a hora de xogo, Fabian Schär cabeceou alto, en posición franca, un saque de esquina botado por Fede Cartabia. No minuto 65, xa sen Lucas no campo, substituído por Emre Çolak tras recibir ambos senllas ovacións, foi de novo Fede Valverde quen o probou de lonxe. O uruguaio enganchou de volea un balón morto desde uns 30 metros. O seu canonazo marchouse alto, non moi lonxe do vértice superior esquerdo do marco vitoriano.

Pouco despois, Andone puxo a proba a Pacheco. O romanés internouse polo extremo esquerdo e buscou o pau contrario co interior da súa bota dereita. O porteiro visitante desviou a pelota.

No minuto 77, Luisinho buscou o seu segundo tanto do día, tras unha elaboradísima xogada de todo o equipo. O portugués rematou coa dereita, a reviravolta, tras recibir un pase de Fede Valverde na interior da área. Catro minutos despois, o Dépor perdoou a sentenza, tras un contragolpe de libro conducido por Schär. Fede Valverde centrou por baixo ao segundo pau, onde Andone lanzouse ao chan a por todas pero só foi capaz de levar o coiro ao lateral exterior da rede.

O achegamento de maior perigo do Alavés foi nun balón longo que correu Rubén Sobrino, ao que foron Luisinho e Pantilimon e no que acabaron os tres en chan, co balón solto. O colexiado non sancionou nada nin parou o xogo, antes de que Guilherme fixésese coa pelota para afastar o perigo.

Xa no desconto, Emre Çolak desperdiciou outra oportunidade clara para sentenciar o encontro. O turco rematou alto, só ante Pacheco, un servizo de Borja Valle tras unha fenomenal triangulación con Fede Valverde.

Deste xeito, o Deportivo logra a súa primeira vitoria en LaLiga Santander 2017-2018. Os branquiazuis suman 4 puntos, que lle valen para abandonar provisionalmente a zona vermella da táboa.

RC Deportivo: Pantilimon, Juanfran, Arribas, Schär, Luisinho, Guilherme, Fede Valverde, Borges, Fede Cartabia (Bruno Gama, min. 90+2), Andone (Borja Valle, min. 89) e Lucas (Emre Çolak, min. 63).

Deportivo Alavés: Pacheco, Vigaray, Rodrigo Ely, Maripán, Rubén Duarte, Dani Torres (Rubén Sobrino, min. 69), Manu García, Burgui (Alfonso Pedraza, min. 62), Medrán, Ibai e Munir (Romeu, min. 83).

Gol: 1-0 Luisinho (min. 45+1).

Árbitro: Medié Jiménez (c. catalán). Cartón amarelo a Vigaray (min. 50) e Maripán (min. 62).

Incidencias: partido correspondente á 5ª xornada de LaLiga Santander disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 18.612 espectadores.