RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Luisinho cre que ao Real Madrid hai que xogarlle "con respecto pero non con medo"

Luisinho compareceu esta mañá ante os medios informativos na sala de prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR.

O lateral deportivista cre que o Deportivo mañá domingo 20 de agosto ante o Real Madrid (22:15 horas, Movistar Partidazo) ten que xogar "con respecto pero non con medo".

Vaticina Luisinho no debut ligueiro do Deportivo "noventa minutos bastante intensos. Temos que estar concentrados".

Sobre os últimos resultados favorables do equipo branco na Coruña, opina que "é unha temporada nova. Non temos que pensar no pasado. Temos que pensar no presente. E o presente é mañá xogar contra o Real Madrid. Hai que esquecer o pasado, que xa está. Non podemos facer nada. Mañá si podemos facer un gran partido, demostrar que estamos ben e dar esas alegrías á afección que vai ao estadio".

Da baixa de Cristiano Ronaldo, sancionado, subliñou que "é importante para o Real Madrid, como todo o mundo sabe. Pero ten un gran cadro e cada partido demóstrao. Con e sen Cristiano vai ser un partido difícil".