RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Luisinho cre que "hai que ser realistas. Ata o final vai ser bastante duro"

Luisinho cre que foi "unha pena" caer en #ONOSODERBI porque "viñamos coa ilusión de conseguir outro tres puntos. Era un partido especial para nós, para a afección. Viñamos dun gran resultado contra o Barcelona, e estamos tristes por non conseguir o tres puntos e non seguir nesa boa serie que levabamos".

Preguntado esta mañá na sala de prensa de Abegondo pola celebración do gol do céltico Iago Aspas, o lateral zurdo deportivista opina que "cada un o celebra como quere. Se eu fago un gol vouno a celebrar cos meus, non co rival. Pero el creu que lle gustaba máis co rival. Hai que pasar páxina, non darlle máis importancia a unha cousa que non ten importancia".

Apunta o defensor deportivista que "o equipo está ben. Vese que está con confianza, está positivo, encara os partidos doutra maneira. A chegada do adestrador motiva sempre a calquera xogador, neste caso motivou aínda máis porque viñamos dunha mala serie, estabamos moi negativos. Agora a liña é esa e hai que seguir adiante".

A derrota do derbi non preocupa no vestiario branquiazul: "Foi un partido que tiñamos ganas de gañar por ser un derbi. Tampouco merecemos perder. O resultado máis xusto era un empate. As cousas ían por aí. Un pequeno descoido pola nosa banda, e o Celta conseguiu marcar. Pero non vai afectar en nada. O equipo está no bo camiño. Veñen partidos difíciles pero no camiño que está o equipo, vai sacar isto adiante".

Iso si, Luisinho subliña que "hai que ser realistas. Ata o final vai ser bastante duro. Son dez finais que faltan agora para terminar a liga. Temos que sacar isto adiante. Temos partidos en casa bastante importantes e témolos que gañar".

Advirte de cara á próxima cita ligueira, en Mestalla ante a Valencia (domingo 2 de abril ás 18:30, Bein Sports), que "cando hai parón e vés dunha derrota non é bo. Queres xogar, queres sacar o resultado negativo que tiveches en casa e recuperalo. Agora un parón vén sempre ben porque o adestrador nos vai a coñecer mellor. Ten dúas semanas para traballar mellor. Pódenos beneficiar nese sentido. Agora vén un partido difícil ante a Valencia que tamén vén dunha derrota. Hai que xogar con todo e sacar o tres puntos que non quitamos contra o Celta".

Á hora de facer contas, Luisinho prefire ir "partido a partido. Temos partidos en casa bastante importantes e témolos que gañar. Gañando estes partidos, pódenos chegar".