RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Luisinho: "En partidos moi equilibrados, xogar en casa conta bastante"

Luisinho cualifica de "dato positivo" o feito de que o Dépor, se puntúa este luns 23 de outubro ás 21:00 horas (Gol) ante o Girona no Estadio ABANCA-RIAZOR, sumaría tres xornadas seguidas sen perder: "Puntuar é sempre bo. Hai que manter esta dinámica".

O lateral deportivista lembra que 4 puntos sumados dos últimos 6 en xogo "non está mal. Hai que gañar agora ao Girona en casa".

Define ao conxunto catalán como un equipo "que ten as ideas moi claras. Por iso vai ser un partido que non vai ser tan sinxelo como pensamos".

Pide repetir actuacións pasadas na Coruña como ante Getafe e Alavés, "demostrar que xogamos en casa, demostrar que queremos mandar no partido, e despois, claro, gañalo".

En caso de triunfo, sería o terceiro consecutivo no Estadio ABANCA-RIAZOR: "As vitorias danche confianza. É un partido moi importante para nós. Sabemos o que nos xogamos e só temos en mente os 3 puntos".

Asegura que no vestiario non existe o debate da portería, quen debe defender a meta deportivista: "Para nós non existe debate ningún. Temos catro grandes porteiros. Tocou a Francis a última vez. Nós encantados porque é moi novo, traballador, humilde. Encantados de que debutase e que as cousas lle saísen ben. É un tema de porteiros no que nós non nos metemos".

Recoñece Luisinho que "en partidos moi equilibrados, xogar en casa conta bastante. Nós temos que aproveitar un pouco iso. Xogamos con dous adversarios directos como Alavés e Getafe e conseguimos 6 puntos. Por iso ese factor conta bastante".

Ademais, o futbolista portugués admite que "nos primeiros partidos de Liga sufrimos bastantes goles. É verdade que xogamos contra equipos que teñen un poderío ofensivo bastante grande. Agora é un dato positivo non sufrir goles en Eibar, puntuar nun campo que non é fácil".

Nesta liña, viu en Ipurua "un espírito de sacrificio bastante grande nos xogadores que xogan máis arriba e iso nótase. Non nos crearon grandes oportunidades, o partido estivo bastante controlado. É máis fácil para nós os defensas. Un equipo solidario é máis difícil de gañar".

Preguntado por Fede Valverde, o futbolista que agora mesmo xoga por diante del na banda esquerda, Luisinho subliña que "con el moi ben. É un rapaz cunha calidade por encima da media. É novo aínda. Ten tendencia de xogar máis por dentro, pero mesmo por banda está a facelo ben".