RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Luisinho: "Se o equipo é solidario, temos plantel máis que suficiente para estar máis arriba"

Luisinho compareceu esta mañá ante os medios informativos na sala de prensa de Abegondo.

Sobre o Memorial Moncho Rivera de mañá xoves no Estadio ABANCA-RIAZOR ante o Corinthians de Brasil (20:00 horas, TVG), indicou que "é un partido distinto, un trofeo que está en xogo. Bonito para nós, para a cidade e gozar tamén un pouco".

A pesar do triunfo ante o Xetafe do pasado sábado, advirte o lateral deportivista que "non está nada gañado. Hai moitos problemas que resolver. Temos estas dúas semanas para traballar".

Tras recoñecer que o equipo "non empezou ben LaLiga", apunta Luisinho que "só hai un camiño" para endereitar definitivamente o rumbo do equipo na Liga Santander: "traballar e confiar en nós mesmos".

Agora chegan na liga "partidos con rivais directos que temos que gañar. Xa gañamos a dous, ao Alavés e ao Getafe; e hai que seguir este refacho. Sumando, e se é posible de 3 en 3. Só así imos saír da zona incómoda na que estamos".

Subliña que "polo menos hai plantel para non sufrir tanto. Non me gusta dicir que imos quedar de oitavos, decimosegundos... Hai que ir partido a partido. Son realista. Mirei todos os equipos e non somos inferiores aos que están por encima de nós. Agora temos que competir, todos os fins de semana. Non un partido si e outro xa non competir".

Pide ademais solidariedade en defensa para evitar encaixar goles: "Nun equipo como o Deportivo, nunha competición que esixe bastante como a liga española, se non defendes os once, valo a pasar mal. E iso reflíctese nos partidos. Co Alavés fuches máis solidario, co Getafe fuches máis solidario. E aí están os resultados. O equipo ten que ser solidario do primeiro ao último minuto. Sabemos que temos bos xogadores arriba, pero isto non nos chega. Se o equipo non está unido dentro do campo, ímolo a pasar mal. O segredo está aí. Se o equipo é solidario, temos persoal máis que suficiente para estar máis arriba".

A nivel persoal, Luisinho asegura atoparse "ben, confiado. Hai que seguir así, traballando día a día". Querido polo deportivismo, confesa sentirse "importante como calquera compañeiro. Estou agradecido a toda a afección por demostrarme ese agarimo, como o demostrou este fin de semana e desde o primeiro día que cheguei".