RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Luisinho ve "clave" o penalti e Borges non cre que "fixésemos as cousas tan mal para recibir 4 goles"

Luisinho e Celso Borges atenderon aos medios de comunicación na zona mixta do RCDE Stadium. Ambos protagonizaron a xogada do único tanto deportivista que supuxo o 2-1, que metía ao Dépor momentaneamente no partido.

Recoñece Luisinho que "non entramos ben no partido. Recibimos dous goles moi rápido. Despois tentamos controlar o balón, pero non puidemos facer ningún gol no primeiro tempo. Na segunda metade entramos mellor, metemos un gol e cando estabamos mellor sufrimos un penalti. Foi a clave do partido".

O lateral portugués, o futbolista que leva máis tempo neste vestiario, advirte sobre os goles temperáns que "o partido dura do minuto 1 ao 90 e hai que estar concentrados".

Sobre a situación na táboa, Luisinho espera unha liga "competitiva, dura. Hai que pelexar todos os partidos. Agora temos o partido do Getafe en casa e hai que gañalo".

Pola súa banda, Celso Borges, goleador esta mañá no RCDE Stadium, apunta que "hai que poñerlle a cara a isto. Non vale cando se gaña é todo moi bonito e cando se perde, esconderse".

Na súa opinión, "non creo que fixésemos as cousas tan mal para recibir 4 goles. Así de inxusto é isto ás veces".

Insiste en que "hai moitas situacións de xogo que facemos ben, e outras nas que temos que mellorar todos, como equipo. Non se trata de sinalar nada nin a ninguén. Ao final o beneficio de gañar os partidos é de todos".