RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Mackay, Noel e Trilli falan de "orgullo" e de "soño cumprido" sobre o seu debut co Deportivo

Ian Mackay, Noel e Trilli ofreceron unha rolda de prensa despois da emocionante tarde que pasaron en Abegondo, coa súa foto xa colocada no panel de canteiráns que debutaron co primeiro equipo desde a creación da Cidade Deportiva en 2003.

Ian Mackay, o máis veterano dos tres, confesou estar "moi contento de estar aquí outra vez. É un orgullo defender esta camiseta, xa o dixen desde sempre. Deuse a oportunidade este ano de vir e non mo pensei. Non escoitei outras cousas. O que dixen sempre e sábeo todo o mundo, o meu desexo era estar aquí. Ao final vólvense a xuntar os camiños e oxalá podamos facer algo bonito este ano".

Preguntado antes de nada polo seu estado físico tralo seu paso pola selección española sub-19, Trilli apunta que "foi un infortunio ir coa selección e lesionarme alí. Agora estou ben, atópome ben e pensando canto antes en volver ao campo, en volver gozar e en sumar ao equipo, que ao final é o único obxectivo".

Pola súa banda Noel, compañeiro na selección ademais de Dani Barcia, indicou sobre esta chamada do equipo nacional que se trata de "un soño que un ten desde pequeno. Era a miña primeira concentración".

Sobre o seu futuro no Club, o dianteiro de Silleda opina que ao final "o que un pensa a esta idade é en xogar e nada máis. Como dixo Carlos Rosende (Secretario Técnico), todo ben e encamiñadas as cousas". "Despois de tantos anos neste Club, ao final é algo que un desexa e que se dará se se ten que dar", conclúe.

Acerca do seu debut en ABANCA-RIAZOR, Trilli comenta que "ao principio estaba un pouquiño nervioso. Despois todo foi mellor, fun collendo confianza aos poucos e a verdade que, como puxen nas miñas redes sociais, todo neno soña con debutar en ABANCA-RIAZOR. Foi un momento especial. É un orgullo defender esta camiseta e oxalá siga sendo así".

O outro canteirán que se estreou no estadio ante o RC Celta B, Noel, indica que "é un soño co que sempre convives. É o Club no que che criaches e no que levas adestrando toda a túa vida. É un premio a todos os anos que levas aquí".

Precisamente Ian Mackay chancea sobre a súa estrea en partido oficial, aos seus 35 anos e a pesar de vestir a camiseta branquiazul en varios amigables en 2006, con Joaquín Caparrós ao mando do equipo: "Tardou bastante. Tiven a sorte de debutar en ABANCA-RIAZOR sendo moi novo, con 19 anos. E a mala sorte de non facelo en partido oficial até o outro día. O fútbol dá moitas voltas. Eu vía que pasaban os anos e que non dabamos collido o mesmo camiño o Dépor e eu. Deuse cando xa tiña 35 anos. Cando es novo píntancho todo moi bonito, parece que todo vai moi ben. Entón tes que ter os pés no chan para poder seguir loitando polo que che gusta. E non sempre podes facelo no equipo que che gusta. A miña carreira foi dando moitas voltas por bastantes equipos e ao final o fútbol tróuxome aquí esta temporada e espero facer algo bonito para o Club".

Nesta liña, Trilli advirte que "o camiño é difícil. Un non sabe nunca cando pode chegar a debutar. Pero levo bastantes anos no club, en #ANOSACANTEIRA e para un canteirán sempre é especial ese debut. Unha vez que chega ese momento quitas un peso de encima, gózalo e vai todo xenial".

"Ao final é un cúmulo de emocións debutar no estadio do equipo no que levas toda a vida. Este cadro, con moitos veteranos, axúdanos moito no día a día e fainos todo máis fácil", engade Noel.

Capitán esta temporada con Álex Bergantiños, Mackay sostén sobre esta circunstancia que "para min é todo un orgullo. Aquí o capitán principal é Álex sen ningunha dúbida porque é o 'capi', é a realidade. Fai un traballo espectacular tanto dentro como fóra do campo. No vestiario é o que máis galóns ten, o que máis se lle respecta. E eu estou este ano para tentar axudar en todo o que poida. Custoume moito chegar aquí, ao final teño unha idade que é bastante avanzada para, coa miña experiencia, poder axudar a todos os rapaces novos, sobre todo para que poidan estar o máis a gusto posible e axudarlles en todo o que poida".

De feito, subliña Trilli que "cando un xuvenil chega ao primeiro equipo sempre é unha etapa difícil. Neste club tanto Ian, como Álex, como Miku axudáronnos moitísimo pola súa experiencia. Algunha que outra bromiña tivemos, así que ha ir xenial. Non tivemos problema".

"Ao final todos os xogadores deste cadro teñen moita máis experiencia que nós e soubéronnos tratar e ensinarnos as cousas. Eu por destacar destacaría a Miku, porque xoga na miña posición e axúdame en todo o relacionado con todo o de ser dianteiro", engade Noel.

En canto ao patrocinio de #undosmeus posto en marcha por Xosé Antonio Touriñán para Noel e Trilli, este último defíneo como "algo incrible. Quedei moi sorprendido con #ANOSAFORZA. Todo o apoio, toda a entrega da xente connosco. É importante. Axúdache á hora de xogar, á hora de quitarche eses nervios no campo". Por contra, o ariete galego indica que a iniciativa do actor foi "unha sorpresa. Abrín a miña rede social, estaba bastante chea polo do partido e atopeime unha mensaxe del. A partir de aí xurdiu todo e logo, pola parte do diñeiro que se recadou, séntesche ilusionado por todo o que leva o Dépor e #ANOSAFORZA; que cren en ti sobre todo".

O acto ante os medios de comunicación tivo momentos para as confidencias, por exemplo a orixe do alcume de Álvaro Pérez Campo 'Trilli': "Ao principio todo o mundo pensaba que realmente era o meu apelido, pero non. Resulta que son trillizo. É algo especial para min, compartimos todo; e que me chamen igual que aos meus irmáns significa moito".

Finalmente, Mackay cualifica este inicio de temporada como "ilusionante. Os resultados dos partidos foron moi favorables. Ao final imos con seis puntos, seis goles a favor, cero en contra. Todo parece que vén rodado pero hai que ter os pés no chan. Eu sempre digo a frase que Simeone puxo de moda, que é o do 'partido a partido'. Nesta categoría hai campos moi difíciles. Somos o rival a bater. No vestiario estamos moi mentalizados que temos que ir xogando cada fin de semana, tentando sacar os tres puntos porque o obxectivo como todo o mundo sabe é o ascenso. Oxalá puidese ser de primeiro, porque este ano quedar primeiro é un premio moi importante".