RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Mañá comeza o curso 2019-2020 da Escola RC Deportivo após a reunión de pais de onte

Onte tivo lugar a presentación aos pais dos alumnos da Escola RC Deportivo 2019-2020. Nunha reunión que tivo lugar na área 1906 do Estadio ABANCA-RIAZOR, o director da Escola, Pablo Barros, presentou a actividade ás familias que se incorporan a esta actividade e as novidades ás familias que repiten após a experiencia inaugural do pasado curso.

Na reunión abordáronse os seguintes puntos:

1. Presentación da nova temporada.
2. Obxectivos e metodoloxía Escola RC Deportivo
3. Presentación da nova web
4. Distribución de novos grupos de adestramento
5. Material necesario
6. Escola Pais RC Deportivo
7. Actividades próxima temporada

Mañá venres será o primeiro día de actividade nas instalacións de Padel Plus en Alvedro ás que este ano se traslada a Escola. Até o día 23 aínda é posible inscribirse para os últimos días deste mes e, a partir dese día, as inscricións ábrense para comezar en novembro

Agora mesmo xa hai case 40 futbolistas inscritos que comezan a adestrar mañá nesta actividade da Fundación Real Club Deportivo. Nela prepáranse, a cuberto, contidos complementarios ao traballo que os xogadores e xogadoras desenvolven nos seus clubs, aproveitando para profundar no coñecemento e adestramento do fútbol, formándose baixo a supervisión dos adestradores da canteira do Real Club Deportivo.

Este novo curso arrincará, ademais, con moitas novidades:

  • Nova páxina web para a xestión da Escola (escola.rcdeportivo.es), con área privada para pais e alumnos, xestión de pagos e horarios, información personalizada do alumno...
  • Máis meses de clases: o curso desenvolverase desde outubro e até xuño (participación mínima na Escola: 1 mes)
  • Aumenta o arco de idade até os 14 anos (de 6 a 14 anos).
  • Esta temporada a sede principal trasládase ao campo de fútbol indoor das instalacións de PadelPlus (Alvedro): ¿Como chegar?
  • Auméntase un día máis á semana, os luns únense a mércores e venres, e atrásase a hora de comezo ás 17:30.
  • Para garantir unhas condicións óptimas de adestramento e calidade, os grupos que non conten cun número suficiente de alumnos inscritos, non iniciarán a actividade e devolveranse os importes das preinscricións aos alumnos dados de alta neses grupos. Se así fose, os alumnos que o desexen poderán recolocarse noutros grupos para poder comezar os adestramentos naqueles grupos que si dispoñan de alumnos suficientes (máximo 20 alumnos por quenda). Pola contra, se prefiren esperar a que esa quenda ou grupo comece, inscribiranse nunha lista de espera onde se lles notificará cando poderán arrincar os adestramentos.
  • Os alumnos que xa participaron na Temporada 2018-2019 na Escola RC Deportivo non teñen que abonar matrícula, a condición de que conserven o equipamento Macron oficial e poidan acudir con ela aos adestramentos.
  • Ponse en marcha unha escola de porteiros para todos aqueles alumnos/as inscritas que desexen seleccionar esta demarcación na inscrición.
  • As inscricións levarán a cabo unicamente a través da plataforma da Escola RC Deportivo. Pódese consultar como realizar o proceso de inscrición descargando o seguinte documento

Para calquera dúbida ou aclaración, pódese contactar coa dirección da Escola en escola@rcdeportivo.es ou no número de teléfono 981 25 95 00.