RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Mañá xogamos en ABANCA-RIAZOR unha final das 20 que temos que xogar", advirte Fernando Vázquez

Fernando Vázquez compareceu ante os medios informativos este mediodía en Abegondo, minutos antes de coñecer a noticia do visto e prace federativo a Emre Çolak para o partido de mañá xoves 16 de xaneiro en ABANCA-RIAZOR (19:00 horas, Movistar LaLiga), en partido correspondente á 23ª xornada en LaLiga SmartBank.

Precisamente na súa opinión, os movementos do RC Deportivo neste mercado de inverno "están a ser bastante rápidos. Richard (Barral) fixo nestes días que leva asesorando ao Club un traballo impresionante".

De Sabin Merino, a última incorporación branquiazul, explica que "é un rapaz que vén dun equipo de Primeira División. Ten partidos oficiais no Athletic Club e marcou goles. Ultimamente non estaba a xogar, non tiña sitio no Leganés. Esa é a razón pola que está aquí connosco. Asinou un compromiso de dous anos e medio. É un futbolista do RC Deportivo implicado. Non é unha cesión. Coñézoo de velo xogar partidos. Agora estouno vendo adestrar e vainos a achegar moitas cousas. Pode xogar perfectamente de 9, de punta; ou ben por fóra. Así o fixo no Athletic e algunha vez no Leganés".

Após recibir antes do adestramento a visita do Consello de Administración encabezado por Fernando Vidal, Fernando Vázquez conta que foi unha reunión "moi agradable. Deulles unhas palabras aos xogadores, pedíndolles o que hai que pedirlles nestes momentos: compromiso, entrega, ilusión, alegría. E que saiban en que sitio están. O Deportivo é un club importante en España, non polos seus títulos, que tamén. Non todo o mundo pode presumir de ter 1 Liga, 3 Supercopas, 2 Copas do Rei. O Deportivo é o Dépor pola gran afección que ten. Volvo reclamar que por favor nos axuden a saír desta situación nestes próximos 20 partidos. Cada partido, unha final".

Advirte que "lle gustan os bos xogadores, pero non tiven ese tempo para que a decisión sexa acertada. Teño moita marxe de erro nesta decisión para o partido ante o Real Racing. É un equipo con problemas, igual que nós. Pero é un equipo difícil de bater. Non gaña en exceso pero perder non perde moito".

Ademais, apunta sobre o tipo de partido que espera, que "teño até mañá para pensar como quero que se comporte o meu equipo. Vai depender un pouco como nos situemos no terreo de xogo. Hai dúas maneiras de xogar ao fútbol: unha forma conservadora en que ti decides que o equipo rival mostre as súas fortalezas para tentar sorprendelos nas súas debilidades; e outra que ti, sénteste forte, es sólido, tes armas ofensivas suficientes e, por tanto, non impórtanche as debilidades do equipo rival senón que impoñes a túa autoridade, a túa fortaleza. ¿Onde estamos nós? Pídolle á xente que reflexione porque pode pasar que tomemos decisións e a xente pense que non nos guste gañar. Son decisións tácticas precisamente para gañar. En calquera situación de partido, que a afección entenda que queremos gañar aínda que utilicemos armas que de principio parecen conservadoras".

O adestrador branquiazul, após debutar en Soria o pasado 5 de xaneiro, regresa mañá a ABANCA-RIAZOR e confesa que "algo diferente vou sentir seguro. Até teño ganas de volver ao estadio, pisar ese túnel... Procurarei que non me afecte, pero si que sinto algo especial".

Reitera que "quere que os xogadores vexan a liga como compartimentos estanco. Partido, partido, partido. Mañá xogamos en ABANCA-RIAZOR unha final das 20 que temos que xogar. É a primeira. Visto así a min a salvación paréceme máis factible. Mañá temos que gañar ao Real Racing Club. Factible, ¿non?" "De cada 2 partidos tes que gañar 1. Visto así a min paréceme máis sinxelo. Perder imos perder. Está claro. Oxalá non. Sempre digo que a derrota forma parte da competición. Hai que darlle valor ao comportamento do equipo, a intención do equipo... A todo iso", engade.

Fala de final sobre o encontro de mañá "pero non son tan torpe para pensar que o resto non existe. Se gañas un partido, a posibilidade de que gañes o seguinte é dun 5 % ou un 10 % máis. A mentalidade dos futbolistas, a autoestima fai que empecen a pensar que é difícil que perdan. Pensan que poden gañar. A facilidade vaise multiplicando. Non é nos xogadores só, é na afección. E iso parece que non pero crea esa enerxía colectiva que se transmite aos xogadores no terreo de xogo. Positivismo contra negativismo".

Finalmente, agradeceu o comportamento da afección, que esgotou as entradas para o partido e pediu, iso si, aos socios que "veñan ao partido. Eses que realmente invisten no Club e é deles".