RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez advirte que mañá ante o Betis Féminas, "o factor sorpresa desaparece"

Manu Sánchez, técnico do Deportivo ABANCA, manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que a ilusión e a afección, "que nos levou polo aire e axudounos moitísimo, foron factores determinantes" para o debut soñado na Primeira Iberdrola, co triunfo ante o RCD Espanyol o pasado domingo en Abegondo.

Asegura que o equipo pasou unha semana "con moita tranquilidade. Elas están a chegar a un punto de madurez deportiva importante para iso. Foi un primeiro día e traballamos moi duro para chegar nas mellores condicións. É só o primeiro paso dos 30 que temos que dar en total".

De feito, confesa que os técnicos rebaixaron todos estes días a euforia lóxica do vestiario despois do debut: "É un traballo moi sinxelo, a base de subir o nivel de esixencia, ser máis estritos coa disciplina, facendo que as xogadoras teñan os pés no verde, que é onde os teñen que ter. Pasar páxina. Xa pasou, 3 puntos, foi o debut. Pero hai que traballar moito".

Advirte que mañá sábado 14 de setembro (16:00 horas, Gol) na Ciudad Deportiva Luis del Sol ante o Real Betis Féminas, con motivo da 2ª xornada ligueira, "o factor sorpresa desaparece. Hai que traballar sobre algo que pode ser previsto sobre nós".

Precisamente do conxunto bético subliña que "é un equipo cunha historia similar á nosa. Empezou desde abaixo, ascendeu en pouco tempo, consolidouse e agora é un dos referentes neste país. Pode dispoñer dun once infestado de internacionais. Vai ser complicado. Ímonos a enfrontar a un campo de herba artificial, que para nós é un hándicap; e cun adestrador que cando eu empezaba nisto el adestraba en Primeira División. E iso é importante".

Entre os condicionantes do encontro, ademais da superficie do terreo de xogo, herba sintética, están tamén, segundo Manu Sánchez, "as dimensións do campo e a temperatura. Temos que xogar un pouco con todo iso".