RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez aprecia no vestiario deportivista "un sentimento de responsabilidade moi grande co equipo, co Club. É unha satisfacción".

Manu Sánchez indicou este mediodía en rolda de prensa que no encontro de mañá domingo en Abegondo entre o Deportivo ABANCA e o EDF Logroño (12:00 horas) veranse as caras "dous equipos con moitas similitudes, dous equipos que humildemente creo que fixemos unha gran temporada o ano pasado, os bloques máis ou menos continuamos para tratar de abordar este ano igual; e que nos atopamos en dúas dinámicas moi complicadas. Dúas situacións anómalas para o que esperabamos tanto nun lado como no outro".

Apunta que o rival "me gusta moito. Xa me gustou moito a temporada pasada. Gerardo (García, técnico) fai un traballo espectacular. En todas as liñas é un equipo moi compensado. Este ano fixeron moi boas incorporacións. Gústame moito a xente que incorporaron e a xente que teñen. Destacaría a unha institución neste país como é Jade, que tiven a sorte de coñecela hai moitos anos. Paréceme unha xogadora incrible. E van atopando un once definido. Tentan xogar aínda que como nós trataron de minimizar eses riscos atrás, cun fútbol moi dinámico, buscando ser verticais, con esa velocidade que teñen arriba. É un equipo con xogadoras moi interesantes, que saben xogar e que o tentan. É un dos equipos que apostan polo fútbol feminino. A proba é que xogan os seus partidos en Las Gaunas".

O duelo entre ambos os conxuntos é inédito na Primera Iberdrola porque o ano pasado na primeira volta "coincidiu xusto a folga" e na segunda parte da liga paralizouse a competición por mor da pandemia de COVID-19.

O técnico deportivista confesou que o pasado sábado en Eibar, nada máis sinalar o colexiado o final do partido, "observei bágoas máis que sorrisos e alegría. Había bágoas de rabia, de impotencia. E iso agrádame porque vexo que hai un sentimento de responsabilidade moi grande co equipo, co Club. É unha satisfacción".

Finalmente admite Manu Sánchez que sente "incómodo porque non estamos á altura do que deberiamos estar. E son o máximo responsable", conclúe.