RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez: "As futbolistas merecían un día como o de hoxe"

Manu Sánchez compareceu ante os medios informativos na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR poucas horas despois do valioso triunfo do Deportivo ABANCA ante o Madrid CFF en Abegondo.

"As futbolistas merecíanse un día como o de hoxe", subliñou o técnico coruñés. "Tiñamos esa espiña cravada do día do Valencia CF, que creo que fixemos un traballo enorme. Hoxe ante todo un semifinalista de Copa da Raíña, un equipo que non se gardou nada, as rapazas deron un bo nivel, entenderon perfectamente o que había que facer e entenderon o que nos xogabamos. As sensacións son moi boas", engadiu.

Aínda que non é amigo de sacar a calculadora, "as contas son seguir gañando partidos. A pesar da alegría de hoxe quédannos sete partidos por disputar. Hai que gañar un gran número deles para conseguir a permanencia", sostén.

Queda hoxe o adestrador branquiazul "co espírito do equipo. Moitos equipos saíndo a disputar a xornada de hoxe con oito puntos por baixo da salvación non darían o nivel que demos hoxe nin esa ambición, nin esas ganas de seguir vivindo".

Manu Sánchez indica que "se cadra creamos menos ocasións que o domingo pasado e fixemos máis goles. Un alegrón con bastante xente en Abegondo, que é o máis bonito disto".

Advirte finalmente que "a #ANOSAFORZA non hai que enganala. Hai que facerlle ver a realidade. A realidade é que segue estando moi difícil pero co triunfo de hoxe estamos vivas. O que si hai que pedirlles, se se nos permite pedir algo, é que nos sigan apoiando. Deses sete partidos que temos que disputar temos que xogar en casa tres importantísimos que temos que sacar adiante. E se somos capaces de sumar nun ou dous que teñamos fóra podémolo facer. Pedirlles que nos sigan animando como hoxe, dentro das posibilidades sanitarias. Son importantísimos, notámolo moitísimo. A ver se entre todos conseguimos facer a xesta, que é o que sería isto".