RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez: "As xogadoras do Dépor ABANCA vense agora capaces do que realmente son"

Manu Sánchez recoñeceu esta tarde na sala de prensa de Abegondo que, despois de dous triunfos consecutivos na Primera Iberdrola, "o estado de ánimo é o que principalmente cambiou. Vense capaces do que realmente son. Nós nunca tivemos dúbidas de que elas fosen capaces de gañar partidos".

O técnico deportivista subliña que estes dous bos resultados, ante SD Eibar e EDF Logroño, "o que fan é referendar un pouco esa confianza e sobre todo esa autoconfianza. E agora elas vense capaces de algo que fixeron moitísimo".

Confesa que "o que me fai afrontar a semana dunha maneira diferente é velas a elas. Se despois do partido en Eibar vimos bágoas de rabia, de impotencia... este domingo volvemos ver esa alegría típica deste grupo, deste vestiario, esa felicidade, esas caras, esas celebracións dos goles. Iso é o que me dá forzas. Velas outra vez felices dános enerxías, dános ganas".

Manu Sánchez destaca o papel de dúas futbolistas nestes últimos partidos como son Peke e Athenea: "Son dúas das principais artífices deste cambio. É todo un conxunto, un bloque que empeza a crer no que fai; pero ao final o que nos estaba faltando era esa contundencia que tiñamos arriba. Elas dúas personifican o traballo de todo o equipo".

Non se esquece o adestrador branquiazul de "xente que fai un traballo máis gris, que se cadra non se ve tanto, non resalta tanto como pode ser Alba (Merino), Carolina (Arbelaez). Traballan moito os partidos para que os balóns cheguen en mellores condicións ás dúas dianteiras. Ademais a xente que entra desde o banco está a sumar, e iso é importantísimo, como este domingo Michelle, que revolucionou o ataque; e Rosalía, que nos deu esa tranquilidade que precisabamos co balón".

Finalmente, advirte que o Madrid CFF, rival este sábado 19 de decembro no campo de Matapiñonera de San Sebastián de los Reyes (13:00 horas), "está nun gran momento de forma, de resultados. Está moi ben traballado, moi ben conxuntado. Está a saírlles todo. Imos tentar poñerllo difícil e sacar algo positivo para nós".