RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez asegura que as súas xogadoras, colíderes da liga, están "coa cabeza no seu sitio" e "os pés no chan"

Manu Sánchez asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que, a pesar de estar "sorprendidos co rendemento do equipo, estamos coa cabeza no seu sitio, os pés no chan porque á fin e ao cabo só van 5 xornadas das 30 que temos que disputar. Gozando este momento, pero con tranquilidade".

Nesta liña, recalca que "o vestiario está a responder dunha forma moi madura. Na primeira semana si que houbo moita euforia. Pero o resto das semanas elas son conscientes do traballo que están a facer e como o plasman nos partidos. E saben que iso non pode variar. Teñen que gozalo. Son moi novas e son moi enriquecedoras para elas".

Sobre o partido de mañá sábado 19 de outubro (13:00 horas, #Vamos) ante o Sporting Huelva no Nuevo Colombino, destaca en primeiro lugar o técnico deportivista que "imos ao campo do decano do fútbol neste país. Vai ser bonito para todas elas".

Do conxunto andaluz, Manu Sánchez comenta que arrancou a competición "dunha forma similar a nós ou ao Rayo ou ao Logroño, equipos chamados a pelexar pola zona baixa. É un equipo cun adestrador que está de volta en todo isto. Antonio Toledo adestraba cando eu aínda non nacera. Non se lle vai a escapar absolutamente nada".

Indica que as andaluzas son un bloque "moi rochoso. Basea moito o seu xogo en aspectos individuais das súas xogadoras, moi potentes, que van ao espazo. Entendo que ao comezo nos van deixar a iniciativa para tentar facernos dano á contra. É un pouco a súa forma de xogar. Teñen xogadoras como Marta Peiró, veteranas e que saben de que vai isto".

O adestrador branquiazul opina que para sacar algo positivo deste encontro correspondente á 6ª xornada na Primera Iberdrola, "temos que seguir coa nosa idea, tentar ser protagonistas co balón. As dimensións do terreo de xogo son similares ás que temos aquí. Levar a iniciativa e dar un ritmo alto ao partido para facelas sufrir".

Finalmente, pide "estar moi pendentes das vixilancias defensivas porque elas explotan moi ben esa faceta e pódennos facer dano. Traballamos especialmente esta semana o que son as perdas non forzadas de balón e toda esa dinámica de xogo".