RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez "chegamos confiados porque adestramos moito estes días"

Manu Sánchez manifestou na sala de prensa de Abegondo que o Valencia CF Feminino, rival do Deportivo ABANCA o luns 6 de xaneiro no Estadio Antonio Puchades de Valencia (18:30 h. GOL), é un equipo "imprevisible. Tiveron diferentes baixas aínda que para os equipos de arriba as baixas teñen que ser menos escusa que para os equipos con menos medios. É un equipo que me gusta moito, con moitísimas variantes, moitísimo nivel en todos os postos. Van seguir un pouco a liña de traballo dos últimos partidos que aínda que non lles deu bos resultados, van axustando. Esperamos un partido complicado".

Asegura que o equipo deportivista chega "confiado porque adestramos moito todos estes días. Teño ás xogadoras rabiosas por adestrar o fin de ano, ano novo e todo. Espero que o pague a Valencia, que non o pague eu".

De cara a este mercado de inverno, Manu Sánchez apunta que agora mesmo "somos un club atractivo para as xogadoras. A xente xa sabe como funcionamos, como traballamos, coñece Abegondo, a Cidade Deportiva. Penso que nos axudou nas incorporacións de Carolina e Lorena. A proxección que está a ter todo o que estamos a facer vai máis aló de España. Son xogadoras importantes no seu país que coñecen e valoran o que estamos a facer aquí".

Non agarda en principio máis incorporacións aínda que "non pechamos as portas. Nunca se sabe o que pode aparecer pero en principio estamos contentos".

Ademais, detallou que a reunión que mantivo o equipo esta semana co novo Consello de Administración serviu para que este transmitise "tranquilidade, que sigamos co día a día e que o futuro, o horizonte, é bo; que as rapazas estean tranquilas, que o corpo técnico siga traballando igual, que todo se vai solucionar".