RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez cre que os detalles condicionaron o partido e queda con que o equipo "non baixa os brazos"

Manu Sánchez asegurou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que o partido ante o Real Betis "estivo moi condicionado polos detalles: encaixar no minuto 2 de partido tira ao traste toda a idea do partido; encaixar nun córner contra un rival que nos estaba facendo dano. Fixemos un cambio de debuxo, tratamos de retocar certas cousas, de ser máis valentes e tiramos cara adiante. Conseguimos facer un gol nos primeiros minutos da segunda metade que cambiaba totalmente o panorama. E despois a desafortunada acción de Villegas, chegou a expulsión e o penalti, xa con dez, aínda que o equipo tentouno até o final... Agradecer o esforzo das xogadoras e pensar no seguinte partido".

O técnico deportivista lamentouse ademais de que "falei con Alba Merino para que non lle saquen cartón, e sácanlle cartón ao pouco de falar con ela. Tentamos que as xogadoras non se lesionen e algunhas o fan, como é o caso de Lady. Son máis inconvenientes dos que contamos pero forman parte do fútbol. Non poden ser unha escusa. O que teñamos dispoñible, pois a pensar no partido de Vallecas".

Admite que "non estamos a ter unha consistencia e un labor de creación boa pero si que estamos a competir todos os partidos. O máis importante de hoxe é que con dez e con moitos minutos por diante, o equipo segue competindo e non para e non para. Iso é un aceno de identidade aquí. Ninguén viu nunca un partido do Deportivo ABANCA e que poida dicir que alguén baixase os brazos. Non os baixamos no banco e elas non os baixan no campo. É o máis rescatable e o que nos ten que dar forzas para mirar cara a adiante".

Tamén lle preocupa o tema do balón parado, "ao final é agallas, valentía, atacar o balón. Non hai moito máis. É un córner e remátannos baixo paus. Xa nos fixo un gol así a Real. Insistiremos sobre iso para que non volva suceder".