RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez cualifica o debut ante o Athletic Club do sábado en Lezama como un partido "de máxima esixencia"

Manu Sánchez compareceu en rolda de prensa telemática a pouco máis de 48 horas de arrancar o Deportivo ABANCA a Primera Iberdrola, este sábado 3 de outubro ás 16:00 horas en Lezama ante o Athletic Club.

Lembra que o partido ante as branquivermellas é "de máxima esixencia, ante un equipo bastante renovado que tivo algunhas baixas como nós. É un equipo sempre aguerrido, con moito perigo nos balóns aéreos e no xogo rápido aos espazos. Imos tentar contrarrestar iso".

O técnico deportivista confirmou para este inicio ligueiro "a baixa case definitiva de Helena Torres, que arrastra problemas musculares xa desde hai uns días".

Por conseguinte, subliña que "fisicamente chegamos en bo ton. Si é certo que non todas as xogadoras por igual, porque tivemos algúns contratempos durante esta pretemporada".

Mostrouse pois "contento do traballo que fixo Lucía, este ano ademais co reforzo de Nacho (Ignacio González Paz, técnico de forza) para que as xogadoras chegasen en bo ton. Estamos en condicións de pelexar ben. Outra cousa é o nivel futbolístico que vaiamos poder dar porque estamos nese proceso de construción e de asimilación de conceptos cun cadro tan bo. Imos a Bilbao con ganas".

Ante este novo reto para o equipo na máxima categoría do fútbol feminino nacional, Manu Sánchez advirte que o equipo "gañou en fortaleza física en todas as liñas. Podemos ver a un Deportivo ABANCA máis aguerrido e máis forte cando os partidos nos pidan iso". Iso si, avisa que "aínda non estamos no noso nivel de fútbol, de creatividade, desa alegría que temos con balón. Aínda nos falta traballo, pero as vimbias están aquí para poder conseguilo".

A pesar diso, está contento: "Penso que a profesionalidade e actitude das xogadoras é boa, a súa disposición para o traballo. Todo iso vainos dar moito pero hai que ter paciencia porque o ano pasado tiñamos todo o traballo feito da temporada do ascenso. Agora hai que refacer todo iso dentro da competición, que é moi esixente".

Finalmente, valorou positivamente o regreso de Lía: "Recuperar a Lía é recuperar gran parte da identidade deste proxecto, cando se iniciou todo. É 'unha dás nosas'. Estou moi contento con ela porque teña esta oportunidade de vivir o seu Dépor ABANCA en Primera División. Ela conseguiu o ascenso e tívose que marchar. É unha deportivista de berce, é unha rapaza moi especial. Estamos moi contentos".