RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez dálle importancia mañá a "sumar, a referendar o traballo que estamos a facer estes últimos días para corrixir erros"

Manu Sánchez manifestou hoxe venres á primeira hora da mañá en rolda de prensa telemática que ante o CD Santa Teresa en Abegondo mañá sábado (13:00 horas), en partido correspondente á 4ª xornada na Primera Iberdrola, "dámoslle a importancia a sumar, a referendar o traballo que estamos a facer estes últimos días para corrixir erros. Temos moitísimas ganas, o equipo está moi motivado para o partido de mañá, desexando que chegue. Facer un bo partido e corrixir eses erros, que eu creo que nos vai a achegar a sumar puntos non só este sábado senón en diante".

Do CD Santa Teresa, o técnico branquiazul destaca que "é un equipo veterano. Estivo recentemente en Primeira División varias temporadas; con moita experiencia e con xogadoras como Naya, Estefa, Parralejo que saben perfectamente o que é esta categoría. Teñen moitos partidos encima. É un equipo rochoso, moi complexo, moi ben traballado que ten unha idea clara de xogo. Non ten fisuras. Practican un xogo rápido de ataque, con saídas ao contragolpe, cun fútbol moi directo e moita orde defensiva".

Conclúe que o estremeño é un equipo "moi complicado, está a facer un bo inicio de temporada, está a puntuar, está a dar moi boa imaxe ante rivais de entidade como o Atlético de Madrid. E virá aquí a poñérnolo difícil. Pero a nosa idea é facer valer Abegondo".

O adestrador do Deportivo ABANCA explica que neste encontro "a idea é mellorar moitos conceptos que xa temos claro e que sobre o papel xa coñecemos pero estabamos a errar. É incidir na concentración, no que temos que buscar con balón, en temas de vixilancias defensivas, que o equipo estea un pouco máis xunto, que haxa menos espazos para o rival e buscar a mellor maneira posible para facerlles dano a elas. O que era nosa identidade reforzala e poñer o acento sobre ela para que volvamos ter esa consistencia como bloque".

Cun maratón de partidos por diante, un total de 5 en 15 días, Manu Sánchez advirte que "a preparación física vai enfocada segundo o calendario reclama. Hai que estar preparados para estas 5 xornadas seguidas. Hai que xestionar ben os descansos, o tipo de traballo que buscamos, os días de adestramento e un pouco de organización. Programar toda a carga de traballo, organizala ben. É máis preocupante tres saídas fóra con tres viaxes longas. Organizar tamén as cabezas das xogadoras, preparalas para todo iso".