RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez destaca "o nivel solidario" do equipo e cre que o Dépor ABANCA "vén en liña ascendente"

Manu Sánchez manifestou ao concluír o encontro ante o FC Barcelona en Abegondo que o partido transcorreu "como esperabamos, ser dominados todo o partido e tentar buscar as nosas opcións con algún contragolpe. A premisa era non buscar un contragolpe directo porque é o que teñen traballado senón tratar de consolidar a pelota e buscar o lado contrario ao seu ataque. Foi moi complicado. Estamos ante un dos mellores equipos do mundo. Estou orgulloso do traballo do equipo. Ao final levamos un premio que era un obxectivo interno que tiñamos. O ano pasado fomos o primeiro que os fixo gol na temporada e este ano somos o segundo. Facerlle un gol ao Barcelona non é sinxelo".

O técnico deportivista queda "co nivel solidario do equipo, traballando absolutamente todas, sen perder a portería rival aínda que é moi complicado despois de estar a correr detrás do balón ter tino coa pelota. Tiñamos un traballo acordado con Athenea e cumpriu perfectamente. E ao final conseguir marcar un gol que foi algo que falamos ao descanso. Conseguir un obxectivo como ese é positivo. Esta derrota non nos pode facer chegar as vacacións de Nadal con mal sabor de boca. O equipo vén en liña ascendente. Este é un mal grolo que había que pasar; e a pensar no seguinte".

Tivo palabras de despedida para Lía, que luciu o brazalete de capitá: "Elas saben que hai catro capitás pero eu decido quen o leva en cada partido. Pensei que era un bo detalle para ela. Foi das que iniciaron este proxecto. Agora déixanos para seguir a súa carreira en Estados Unidos. A súa participación no gol é moi importante, leva o seu selo. Do mellor que sacamos hoxe".

Do ano 2020 que acaba nuns días, Manu Sánchez lembra que "o iniciamos espectacular con momentos inesquecibles como o partido de Copa ante o Barça ou a remontada contra o Real Madrid. O que máis botamos de menos é a xente que tiñamos aquí, as mil e pico persoas. Despois, neste reenganche de temporada lévome un mal sabor de boca. Non fun capaz de sacarlle o mollo como eu quixese e estamos a facer cousas nas que non creo moito. Pero é o que toca agora".

E a 2021, o adestrador branquiazul pídelle "saúde. O importante é que sexamos capaces de superar como sociedade este problema. E que o Club consiga os seus obxectivos, que son claros".