RCD / NOVAS

Manu Sánchez e Esther Sullastres apuntan que "co tempo darémoslle máis importancia, máis valor ao realizado"

27/02/2020 20:15

Manu Sánchez, técnico do Deportivo ABANCA, e Esther Sullastres, gardameta do conxunto deportivista onte no Estadi Johan Cruyff de Barcelona, pasaron esta mañá pola sala de prensa de Abegondo, nada máis aterrar no Aeroporto da Coruña o avión no que regresou a expedición deportivista.

O técnico deportivista resalta que con pouco tempo para preparar o partido de cuartos de final da Copa da Raíña ante o FC Barcelona, actual subcampión de Europa, "saíu todo á perfección. A base disto non é pecharse atrás. Era anular o xogo interior do Barça, evitar esas segundas xogadas, esas transicións rápidas en campo rival. Saíu todo espectacular. Non sei se algunha xogadora desta liga roubou tantos balóns como Nuria con Hansen. As paradas de Sulli... Como adestrador non creo que vivise como iso. O momento estelar é cando fomos a saudar á xente do Dépor que había alí, toda a afección do estadio ovacionou ao equipo. Quédaseche o corpo daquela maneira".

Pola súa banda, Esther Sullastres, protagonista do encontro pola súa gran actuación, confesa que quedou coa sensación de que "isto é histórico a pesar de quen lle pese. A formulación foi moi boa. A xente que agora está a chorar, desconsolada, nuns meses vaise a dar conta do que conseguimos. A miña primeira sensación que teño é que síntome feliz desde a decisión de vir aquí, do traballo diario".

Sánchez sostén que "con xogadoras como Esther e co resto de futbolistas que sobre todo son grandísimas persoas, todos estes momentos lévanse máis fácil, doutra maneira".

A gardameta branquiazul confesa que apenas puido durmir esta pasada noite "pola excitación post-partido, de pensar en cada xogada, de ver o que estabamos a conseguir. Non somos conscientes do que estamos a conseguir, ímolo a valorar co paso do tempo. Espertábame a metade da noite. Creo que durmín apenas 3 ou 4 horas. Estou moi feliz por todas, por como foi o partido".

O adestrador deportivista conta que "tiven a mala sorte de ter Barça TV e ás 2 da madrugada puxeron o partido. E tíveno que ver. Difícil de dixerir tal e como sucede. Polo traballo que realizaron no campo merecíanse o premio dos penaltis. Un día duro pero con tempo darémoslle máis importancia, máis valor".

A Sullastres sérvelle de consolo que "a media de goles na Cidade Deportiva do Barça era de 3 ou 4 por partido. Nos últimos partidos viñamos cometendo fallos defensivos, que estamos a arranxar. Conseguimos deixar a portería a cero até 119 minutos na Cidade Deportiva do Barça. Hai cousas positivas. Imos quedarnos con iso, sabendo das dificultades que ten marcarlles un gol. Estamos moi contentas co traballo. Non tivemos nin unha semana para preparar o partido".

Manu Sánchez, por contra, cre que non hai consolo: "É un pau moi duro. Traballamos este partido en 2 días. Non tiñamos moito máis. Saíu todo á perfección e dóeche máis aínda. Tes unha sensación por unha banda de orgullo polo que fixo o equipo e doutra banda quédache ese resaibo de 15 segundos que quedaban para a quenda de penaltis".