RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez é partidario de tentar "terminar a competición se houbese datas dispoñibles"

Manu Sánchez, adestrador do Deportivo ABANCA, compareceu hoxe luns nunha rolda de prensa a distancia.

O técnico deportivista confesa pasar estes días "bastante frustrado en casa, eu que son un enfermo de adestrar. Pero con tranquilidade e responsabilidade, porque a prioridade son outros temas".

Destaca que "o máis importante é que as xogadoras manteñan ese estado de forma, esa actividade física para que cando todo recupere a normalidade, poidan volver á actividade sen problemas, minimizando riscos de lesión. A preparadora física deseñou un plan de traballo para que cada unha delas poida facelo no seu domicilio".

A nivel mental, opina que "estamos nun tempo de incerteza e iso afecta tamén á cabeza das futbolistas, que non saben como programar a curto e medio prazo todo isto. Ao final hai que transmitirlles tranquilidade, o traballo físico encomendado para cada unha delas ten un sentido psicolóxico de ordenar a vida no día a día e organizar horarios. A maiores estamos a facer algún xogo psicolóxico para a cohesión de grupo. Son moitos días sen vernos e tentando sustituir o contacto físico por contacto a través do grupo de WhatsApp. E está a funcionar ben. Hai que estar pendente delas pero con tranquilidade".

De todos os xeitos, insiste en que nestes momentos "prima a saúde. Estamos nun escenario de que falamos da saúde global, que é o prioritario. Atender as recomendacións das autoridades sanitarias e ter tranquilidade. Xuntos con solidariedade e moita calma imos pasalo. Temos do noso lado a ciencia".

Por este motivo, "o importante é sacar adiante esta situación e que aprendamos para situacións similares no futuro".

Considera "ideal que ao cabo destas dúas semanas (a previsión inicial do Estado de Alarma en España) poderiamos incorporarnos ao traballo de grupo, tamén para a saúde psicolóxica do equipo e delas mesmas. O traballo que teñen elas (as xogadoras) é simpático porque teñen que substituír o material que temos no ximnasio por material que teñan elas en casa. Acompañamos iso con xogos psicolóxicos que tamén lles estamos expoñendo".

Fai un balance "moi positivo" do vivido esta temporada polo Dépor ABANCA: "Lembraremos este ano por este tema, pero pasamos polas paperas, por unha folga para que elas tivesen mellor calidade de traballo. Agora pasamos por isto. Espero que ningunha destas circunstancias embace o traballo que fixeron estas futbolistas. O balance é moi positivo. É algo incrible ao principio de temporada conseguir estar nesta situación e gozando como estamos a gozar, co recoñecemento de todo o país. É co que nos imos a quedar, cunha sensación de alegría e do traballo que fixemos".

En canto ás renovacións de xogadoras realizadas ultimamente, Manu Sánchez cre que "se fixo un gran traballo ao longo de todo o ano que está á vista de todo o mundo. As que locen son elas e é normal que miren cara ao Dépor ABANCA e ás súas xogadoras polo que fixemos este ano. Teño a confianza de que a gran maioría vai seguir connosco porque elas están a gusto aquí. Coidámolas moito, é nosa principal preocupación, e están nun bo sitio para crecer e gozar do fútbol".

Insiste en que o proxecto deportivista é "ambicioso e atractivo para calquera xogadora que queira desenvolverse".

En canto á competición, Manu Sánchez avoga porque "se finalizase. O obxectivo xa o tiñamos feito pero é unha pena que non podamos rematar o traballo. Estamos a gozar moitísimo este ano e terminala sería a mellor das opcións. Seguiremos o que nos indique a Federación, que é a que organiza a competición. Persoalmente non me gustan as opcións de trasladar total ou parcialmente a competición ao ano seguinte. Creo que debería terminarse se houbese datas dispoñibles. Pero é unha complicación para os clubs, futbolistas, contratos... Hai que ter tranquilidade e ver como se desenvolve todo isto".