RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez e Teresa Abelleira, sobre o choque en Arguineguín: "Sairemos a gañar"

Manu Sánchez e Teresa Abelleira compareceron esta mañá na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR, un día antes de viaxar a Las Palmas de Gran Canaria para medirse o CD Femarguín (11:00 hora local, 12:00 na Península), no partido de volta da eliminatoria definitiva de ascenso á liga Iberdrola.

O técnico deportivista asegura que, a pesar de "estar a disputar algo moi importante para o Club e para este equipo, non creo que haxa moita diferenza esta semana respecto das anteriores. Estamos a vivilo todo con bastante ilusión. Desde o corpo técnico tratando de darlle normalidade e elas traballando ben, como fixeron todo o ano".

A capitá branquiazul ratifica as palabras de Manu Sánchez: "Non queremos cambiar os costumes. Faise máis longa que de costume pero temos moitas ganas de que chegue o domingo e moita ilusión".

Recoñece o adestrador deportivista que no último mes "trabállase máis a cabeza que as pernas. Hai que prestar máis atención a esas situacións de tensións, ansiedade que producen este tipo de partidos".

Teresa admite que "o traballo está feito durante toda a temporada coa preparadora física e os técnicos. Faltaba o tema psicolóxico, que este ano, coa axuda de Gabriel Pita (especialista do Real Club Deportivo), preparámolo mellor".

Após o 2-0 na ida en Abegondo, Manu Sánchez asegura que "a tónica durante toda a temporada é entrar moi metidos no partido. O domingo pasado foi importante. Non nos preocupa en exceso se hai algún gol pronto para calquera dos dous bandos porque o obxectivo é saír a gañar o partido".

Insiste en que "a idea que temos no grupo é gañar o partido. O obxectivo marcámonolo desde o principio. É un acordo entre corpo técnico e xogadoras, gañar os 4 partidos de play off. É o obxectivo marcado".

Teresa Abelleira non teme ningunha encerrona no Municipal de Arguineguín, cun céspede de herba artificial: "Non vai ser problema para nós o campo. Levamos xogando moitos partidos en herba artificial e gañámolos todos. Non creo que nos afecte. A afección apertará, pero tamén xogamos en estadios máis grandes e con moita máis xente, que soubemos levar ben".

Manu Sánchez explica que "os condicionantes do terreo de xogo, artificial e o campo máis pequeno, sempre o rendemento de ambos os equipos debería ser un pouco diferente (ao da ida). Nada máis aló do que é propiamente o fútbol. Queremos ser protagonistas coa pelota, dispor dela e tratar de facer dano".

Despois dunha campaña con todo vitorias tanto en liga como na Copa Galicia, salvo un empate na primeira xornada ligueira, a centrocampista galega cre que "levar unha boa temporada chegas aquí con moitas forzas e con ganas de seguir invictas. Sairemos como sempre a gañar e a facer o noso traballo".

Agradeceron tanto técnico como xogadora o apoio dos afeccionados nos últimos partidos disputados en Abegondo: "Foi espectacular para nós recibir o apoio da afección. Tentaremos darlles unha alegría a todos eles, ao Club", engade Manu Sánchez.

A só 90 minutos de poder conseguir o gran obxectivo fixado desde hai tres temporadas, Teresa Abelleira lembra "o partido do ano pasado contra o Oviedo Moderno, que foi un golpe duro. O obxectivo é ascender a Primeira e cando só estás a 90 minutos, co traballo todo chega. Oxalá que podamos".

O adestrador do Deportivo ABANCA queda destes 3 anos "con momentos como este. Que Teresa estea hoxe aquí na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR cando todo comezou cunha chamada telefónica, algo moi sinxelo, moi normal a un pai dunha nena de 16 anos. Hoxe está aquí, é unha das capitás do Deportivo, con todos os méritos que conseguiu a nivel internacional coa selección. Dáche máis forza".