RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez: "Falar do Barcelona é falar dunha utopía na situación na que estamos pero temos que crer, temos que tentalo"

Manu Sánchez manifestou esta tarde en rolda de prensa na Cidade Deportiva, a poucas horas de viaxar a Barcelona para visitar ao FC Barcelona este sábado 17 de abril no Estadio Johan Cruyff (12:00 horas, Teledeporte), que o equipo "está bastante cargado de lesións e de situacións que nos complican un pouco a rutina diaria".

O choque chega ademais nun momento raro da temporada, tal e como lembrou o técnico deportivista: "Á semana do parón FIFA engadíuselle a xornada de suspensión do partido ante o Atlético de Madrid. Levamos practicamente un mes sen competir. Non é o máis adecuado para o que temos por diante pero dentro do que cabe hai que subliñar que as xogadoras están con bo ánimo, están a traballar ben e é a realidade que temos agora".

Con respecto ás numerosas ausencias que terá o Deportivo ABANCA este sábado, advirte que "levamos toda a temporada inventando, tratando de buscar solucións. Levamos todo o ano no barro e xa estamos afeitos traballar nesta situación. Esta é unha situación máis extrema se cabe, con moi poucos efectivos para competir. Creo que as xogadoras que están dispoñibles entenden ben cal é a idea para o partido do sábado. Imos tentar dar unha sorpresa".

Por este motivo, e co partidazo de Copa da Raíña da pasada temporada na retina no que o Deportivo ABANCA dobrou o xeonllo no último suspiro, pide "mirar para adiante, ser valentes porque a situación que temos é a de necesidade de puntuar. Non podemos mirar aos rivais. Falar do Barcelona é falar dunha utopía na situación na que estamos pero temos que crer, temos que tentalo".