RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez laméntase de "non axustar ben os mecanismos defensivos" ante a Real Sociedad

Manu Sánchez recoñeceu en rolda de prensa que "está claro que non é o inicio esperado. A competición creceu moito. Simplemente hai que botar unha ollada aos resultados destas dúas primeiras xornadas. Todo se igualou moito, todo é moito máis competido, moito máis emocionante".

O técnico do Deportivo ABANCA apunta que as dúas derrotas, ante Athletic Club e Real Sociedad, "teñen lecturas distintas. O cadro está tranquilo. Xa o falamos. Referencias ao ano pasado non imos facer ningunha. Imos traballar co que temos, co que somos. A seguir e a pensar xa en Barcelona (ante o RCD Espanyol)".

Do partido ante a Real Sociedad indica que "é a miña responsabilidade. Non axustamos ben os mecanismos defensivos que falaramos esta semana. Nós mesmos propiciamos eses espazos, eses balóns que recibían diante da nosa liña defensiva. E fixéronnos bastante dano".

Iso si, na segunda metade, "vimos un Deportivo ABANCA máis real, máis ofensivo, máis na procura da portería contraria, sen conceder ao rival. Aínda que arriscamos moito adiantando liñas tivemos nos primeiros 15 minutos da segunda parte ocasións para empatar o partido. Ao final non puido ser. Temos que seguir traballando, axustando máis cousas. Hai moita xogadora nova. Estas cousas de verdade trabállanse neste tipo de partidos. É onde se ve o nivel destas futbolistas".

Ademais, Manu Sánchez recalcou que todos no vestiario "estamos tristes por non poder contar coa nosa xente", ao ser o partido a porta pechada. "Era un compoñente máis deste equipo. Nos momentos importantes a bancada de Abegondo sempre ten unha resposta á altura da situación".

No entanto, indica que esa falta de #anosaforza "non pode ser unha escusa. Pódese notar o ánimo, esa forma de presionar ao rival pero non pode ser unha escusa ao sucedido no campo. Levamos unha derrota e hai que traballar máis, hai que pensar no que podamos arranxar. Esperar que pronto podamos ver a afeccionados deportivistas nas bancadas de Abegondo porque para nós é fundamental".