RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez lembrou sobre a Copa ante o Barça que "estamos nun Club famoso por este tipo de fazañas"

Manu Sánchez cualificou esta tarde en rolda de prensa en ABANCA-RIAZOR o sorteo de cuartos de final da Copa da Raíña, a partido único no Estadio Johan Cruyff o próximo 26 de febreiro, como "complicado pero tamén ilusionante dentro da temporada que estamos a facer. Visitaremos un dos estadios máis importantes do país contra un equipo que está nun bo momento de forma".

Do mesmo xeito que María Méndez pola mañá, o técnico branquiazul apunta que "imposible non hai nada no fútbol. Estamos nun Club famoso por este tipo de fazañas. Tentaremos dar unha boa imaxe alí e se podemos dar a sorpresa... Despois do partido do martes tiñamos a ilusión de volver xogar aquí en ABANCA-RIAZOR. O sorteo depáranos xogar fóra. A seguir".

Admite que "as ilusións despois do martes e dos resultados do mércores creceron moito. A gran ilusión que tiñamos dentro do grupo e da afección era poder volver gozar un día como o que vivimos en ABANCA-RIAZOR independentemente do rival. Non sendo así, non imos obviar ao equipo ao que nos enfrontamos e o momento de forma que atravesa. Acábao de demostrar na Supercopa. É un rival dificilmente alcanzable. Imos tentar que alí no Johan Cruyff véxase ao Dépor".

Confesou estar preocupado agora por "cambiar a mentalidade das xogadoras" de cara ao choque ligueiro deste domingo 16 de febreiro na Cidade Deportiva do Rayo Vallecano (18:30 horas): "Vimos dun día festivo aquí en ABANCA-RIAZOR, da Copa. Agora imos á competición doméstica. É un partido contra un equipo que está a facer uns números impresionantes. Imos ver se os condicionantes da herba artificial non nos pasan factura".

Finalmente, valorou positivamente a renovación de Esther Sullastres: "É unha xogadora importante para nós. Está a realizar unha gran temporada despois de case dous anos en branco. Estamos contentos. Xa é unha de #asnosas. Na liña de manter este bloque que nos está dando tantas alegrías".