RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez: "O equipo está a empezar a funcionar ben pero non están a acompañar os resultados"

Manu Sánchez pasou hoxe luns 19 de outubro pola sala de prensa virtual do Real Club Deportivo, disputadas xa as 3 primeiras xornadas na Primera Iberdrola.

O técnico deportivista aprecia nestas primeiras citas "diversos erros que imos cometendo. Un valor común é a fraxilidade defensiva que ten o equipo porque nos fan bastantes goles e con relativa facilidade. É algo que non é novo porque nos pasaba o ano pasado. O que pasa é que o ano pasado tiñamos unha porcentaxe goleadora altísima e unha cousa compensábase coa outra".

En canto ao partido de onte na Cidade Deportiva Dani Jarque opina que foi "totalmente distinto" ao de Lezama e en Abegondo ante a Real Sociedad: "Fomos superiores, xogamos por momentos moi ben ao fútbol. Conseguimos os obxectivos que nos expuxemos, tanto de técnica individual como tácticos. Fixemos 2 goles fóra e non chegaron para gañar. Quédache ese sabor agridoce de facer moitas cousas ben, moito do que nos expomos, o esforzo das rapazas foi formidable pero non nos chegou para gañar. Temos que seguir traballando, seguir analizando máis causas e porqués. Con tranquilidade porque o equipo está a empezar a funcionar ben pero non están a acompañar os resultados".

Por todo iso, cualifica a derrota en Barcelona como "moi dura porque o equipo fixo moitas cousas ben para gañar. Tendo o dominio do partido, do xogo, é difícil asimilar que regreses con 0 puntos. Teñen que estar tranquilas. Non é o comezo que todos esperabamos pero sabiamos que este ano ía ser diferente. Todo creceu moito. Hai moito que traballar, a liga é moi longa e hai que estar preparados para este tipo de reveses, asumilos con tranquilidade, facer autocrítica e seguir traballando".

Insiste Manu Sánchez en que "estamos a corrixir moitos dos erros que cometiamos. O equipo está a progresar, está a crecer, está a mellorar moitos aspectos. Está a faltarnos contundencia nas áreas, tanto defensiva como ofensiva. Estamos a encaixar demasiados goles, iso dános unha fraxilidade como equipo. E niso temos que seguir insistindo".

Finalmente, o adestrador branquiazul pide ter "tranquilidade e transmitirlles esa tranquilidade a elas, analizar o que estamos a facer, que estamos a facer moitas cousas ben: sen ir máis lonxe este domingo nun campo pequeno, de herba artificial, superando ao rival en moitas fases do partido. É o camiño. É a nosa identidade. Podemos modificar o esquema pero ao final o tipo de xogadoras que temos é para un xogo específico, moi concreto. É a identidade do Dépor ABANCA e temos que seguir insistindo niso".

Lembra que "en ningún dos 3 partidos vímonos superados polo rival ou con graves erros que vexas que non estivésemos no partido. Iso é o que temos que reforzar. Estamos convencidos de que os resultados van cambiar si ou si. Hai que buscar o camiño para iso. Un camiño que non é só para cambiar o resultado do próximo domingo senón os próximos resultados".