RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez: "O martes é un día moi importante para o equipo"

Manu Sánchez, técnico do Deportivo ABANCA, atendeu esta mañá aos medios de comunicación na sala de prensa de Abegondo, minutos antes de arrincar a sesión de adestramento na Cidade Deportiva.

Subliñou que o choque de oitavos de final de Copa da Raíña, a partido único, ante a Valencia CF Feminino este martes 11 de febreiro ás 20:00 en ABANCA-RIAZOR é "un día moi importante para o grupo".

Por este motivo, advirte que non vai regalar minutos en Copa: "Para nós son igual de importantes as dúas competicións nun momento de auxe deste fútbol profesional. Temos que tomárnolo en serio e con ganas porque a xente vai facer un esforzo por estar en ABANCA-RIAZOR e merécese ver o mellor Deportivo ABANCA posible".

Asegura que o seu equipo está "coas pilas cargadas. Todas dispoñibles para o martes", iso si, co único pero de Iris, que arrastra un golpe nun xeonllo.

Confesa que o vestiario ten "moitas ganas de debutar nesta competición. É unha ilusión diferente para este ano que está a ser moi bonito. Con moita ilusión de xogar en ABANCA-RIAZOR diante da nosa xente. As mozas mostran ansiedade xa estes días. Estamos a conter todo isto, tratando de traballar ben o partido, con ganas de que chegue o día e oxalá poida ser un día bonito para todos".

Lembra que as dimensións do campo principal de Abegondo son as mesmas que as de ABANCA-RIAZOR e "o que cambia é o escenario, diferente. Chega nun bo momento, co traballo feito e cunha ilusión diferente de facer un bo papel na Copa. Todo iso neste momento é un ambiente positivo para o equipo".

O adestrador branquiazul cre que "a afección está a mostrar interese e ten ganas de ver ao seu equipo na cidade, no campo de todos os deportivistas. Temos a esperanza que haxa unha boa entrada, tendo en conta que é un día de semana, pero un horario que non é malo. Hai tempo para que a xente que traballe poida chegar ao partido. E para os nenos e nenas tampouco é moi tarde. Temos esa pequena ilusión de que haxa unha entrada mellor que a que estamos a ver na Supercopa en Salamanca".

Do rival, a Valencia CF Feminino, Manu Sánchez apunta que "acaba de cambiar de adestradora. Están con Carolina que é a Directora Deportiva, que é a que está a levar estes adestramentos. Non se sabe se provisionalmente ou até final de temporada. Son moitos cambios".

Vaticina un rival "ferido. Tentará facer nesta Copa un papel diferente ao que está a facer en liga. Imos confiados, con ganas de facer un bo partido".

Recalca que se poden tomar "certas referencias coa liga. A estrutura dos equipos non cambia tanto. É simplemente unha competición diferente. Pero si que hai equipos que mostran unha cara contraria. Estamos a velo agora coa Real Sociedad. Viña cunha boa traxectoria pero con algunha irregularidade de resultados na liga, e cando chega este tipo de partidos, compite extraordinariamente ben. Somos novas, non temos ningunha referencia actual da Valencia en Copa. Válenos bastante o partido de liga, que ademais é bastante recente".

ABANCA regala unha bufanda aos primeiros 5.000 asistentes

ABANCA quere colaborar para dar colorido ao histórico primeiro partido oficial de #ASNOSAS no Estadio ABANCA-RIAZOR.

Para iso, regalará aos 5.000 primeiros deportivistas que accedan ao Estadio unha bufanda exclusiva do Dépor ABANCA. As bufandas repartiranse, até fin de existencias, equitativamente entre as 4 bancadas habilitadas para o partido.

Entradas solidarias a 2 euros

Por outra banda, están á venda as entradas solidarias a 2 euros para o encontro, cantidade que se doará, integramente, á Cociña Económica da Coruña.

Todos os socios do Club terán acceso libre (aínda que non á súa bancada habitual nos partidos de LaLiga xa que se habilitarán, inicialmente, só as bancadas inferiores da instalación. Puertas de acceso: 22 e 23 -Pavillón-; 14 e 18 -Preferencia-; 2 e 29 -Tribuna-; 6, 9 e 11 -Marathón-).

As entradas poden adquirirse na Oficina de Atención ao Deportivista (Estadio ABANCA-RIAZOR, avenida de La Habana s/n), o luns e martes de 10:00 a 13:30 e de 16:30 a 19:00 horas.

Tamén se poden comprar hoxe sábado, o luns 10 e o propio martes 11 nas DéporTiendas de ABANCA-RIAZOR e Marineda City (de 10:00 a 20:30 no Estadio e até as 22:00 no Centro Comercial).