RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez: "Temos por diante dúas ou tres semanas onde temos combates clave"

Manu Sánchez manifestou esta tarde na sala de prensa de Abegondo que "temos por diante dúas ou tres semanas onde temos combates claves para o desenvolvemento desta competición".

O técnico do Deportivo ABANCA advirte que o partido deste domingo 28 de febreiro (12:00 horas) na Ciudad Deportiva Fundación Rayo Vallecano "non é o último tren que pasa. Estamos nunha estación onde están a pasar os trens cada quince minutos. Entón temos que estar pendentes de todos os importantes".

Nesta liña, deixa claro tamén que "pola clasificación todos os nosos partidos van ser decisivos e non podemos especular con este é un rival directo e este non o é. Temos que pelexar todos os puntos en xogo, que é a nosa mentalidade. Por iso escapo sempre do concepto de final. Non entendo que haxa finais porque quedan 16 partidos. Non son finais, son 16 partidos, que son moitos puntos en xogo. Hai que facer un determinado número de puntos para manterse e non xerar esa ansiedade nas futbolistas de que un partido concreto é máis importante que outro porque non é así. Centrámonos en transmitirlles a elas que o máis importante son os tres puntos que temos en xogo diante. Esta vez son os do Rayo; despois serán os do Sporting Huelva; e despois os da Real Sociedad".

Ve ao seu equipo "moi ben" de ánimo. "Despois da derrota contra o Betis, de volver caer á última posición, os primeiros días da semana pasada foron duros para elas, para min e para todos. Pero non queda máis que sacar as forzas que temos todos para pelexar isto e penso que neste grupo non hai dúbida de que todas pelexarán até o final. E así vai ser. Para ben ou para mal aquí até o 27 de xuño estaremos a pelexar", aclara.