RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez vaticina un partido "feo" en Eibar e anuncia "un plan de partido diferente que nos pode achegar á vitoria"

Manu Sánchez asegurou este mediodía en rolda de prensa en Abegondo que, a poucas horas de retomar a Primera Iberdrola mañá sábado 5 de decembro en Unbe ante o Eibar SD (12:00 horas), o Deportivo ABANCA "está con moita enerxía, con moitas ganas para empezar a reverter a situación. Creo que se traballou ben estas semanas, bastante enchufadas, planificando o que nos vén por diante. En liñas xerais o equipo está con ánimo, cunha enerxía diferente. Imos ver se somos capaces de empezar a darlle a volta".

O técnico deportivista vaticina un partido "feo. Primeiro polo clima que nos vai a tocar vivir. Xa vedes a borrasca que temos encima, o frío, a choiva, o vento. Todo o que está previsto para mañá. Sumado ao campo de herba artificial, que complica un pouco máis as posibles lindezas que poida haber no campo. E elas que son un equipo moi aguerrido, cun fútbol moi directo, correúdo, non dá por perdido ningún balón ata que termina. Vainos a obrigar a cambiar certas cousas. Imos ver se somos capaces de sorprendelas cunha versión diferente".

En busca dos primeiros puntos desta temporada, asegura que "temos un plan de partido diferente que pensamos que nos pode achegar á vitoria. É o momento de demostrar que non somos o equipo que di agora mesmo a táboa que somos. Non podemos tirar por terra o traballo de tanto tempo por estes resultados. É o momento de que cada un e cada unha mírese cara a dentro; e ver en que e porqué está a fallarse".

É consciente Manu Sánchez que "nos catro anos anteriores deste proxecto non tiveramos uns números como estes. É un equipo que non está afeito a perder e é o que temos que cambiar. Hai que asimilalo. Isto é fútbol profesional, calquera lle pode gañar a calquera. Igual que o ano pasado batemos todas as marcas dun debutante na categoría, este ano estamos a ver a outra cara da moeda. O que non pode ser é que non podemos baixar os brazos, traballar, buscar a solución, insistirlles e animarlles a elas que son as que o teñen que sacar no campo".