RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manuel Pablo asegura que o Xuvenil A está "moi ilusionado" co debut europeo e pide xogar o mércores "moi concentrados"

Manuel Pablo compareceu esta mañá na sala de prensa de Abegondo a dous días de debutar na cidade polaca de Szczecin na UEFA Youth League, competición á que accedeu o Xuvenil A como vixente campión de España.

O técnico deportivista confesa que os xogadores "están todos moi ilusionados. Saben o que leva a Champions, un escaparate moi bo para todos". De feito, desvela que "levan falando deste tema desde que cheguei, desde as primeiras semanas; e pasaron xa case dous meses desde que empezamos. Estaban a pensar nesta competición todos. Estiveron centrados tamén nos seus equipos e nas súas ligas, pero non paran de falar deste tema", engade.

Do MKS Pogoń Szczecin, rival este mércores ás 18.00 na primeira eliminatoria, apunta que "vimos algo do sistema que usan, pero están como nós, co cambio de xogadores. Hai mesmo xogadores co seu primeiro equipo. Vimos un pouco, como tentan xogar, a forma que teñen de xogar..."

Sobre o seu equipo, cos cambios lóxicos respecto do cadro campión de España, advirte que é "moi difícil" conxuntar todas as pezas, porque "de feito non traballei con ningún. Empezan hoxe un pouco. Xa estamos a luns, vai ser unha tarefa un pouco complexa. Pero ao final os rapaces están preparados a nivel físico, daremos unhas pautas entre hoxe e o adestramento que faremos mañá alí. E pouco máis. Saír moi concentrados e tentar que as pautas queden moi claras desde o principio e conxuntar o mellor posible. Ao final somos un equipo e temos que estar o máis unidos posible para o partido".

Cre que o partido deste mércores xogarase no Estadio Municipal Florian Krygier, "no que xoga o primeiro equipo. Non sei se imos adestrar mañá nese campo ou un que hai anexo. En teoría están en moi boas condicións. A UEFA esixe unhas medidas aos campos onde tes que xogar".

Para o partido de volta do próximo 20 de outubro, apunta o adestrador branquiazul que "non sei se está pechada do todo pero a formulación é xogar en ABANCA-RIAZOR. É especial para o Club e debe ser así. É algo que non se sei se vai a repetir e temos que poñer nosas mellores cousas para engrandecer ao Club".

Após participar en moitos partidos co Deportivo na Champions League nos mellores estadios europeos, supón para Manuel Pablo esta participación do Xuvenil A que el adestra na Youth League regresar "á mellor competición en canto a clubs. Para os rapaces é un escaparate tremendo, estadios, rivais fortes, campións, rivais con nome... É unha competición súper bonita".

A nivel persoal, confesa que "me fai ilusión a competición doméstica como tamén a competición Champions. É un escenario que é o mellor para os rapaces pero a nivel doméstico estamos a facer unha boa competición. Estou moi contento co grupo que teño porque son moi competitivos. Todo me xera ilusión".

Na súa primeira experiencia como primeiro adestrador, despois de estar como segundo no Fabril durante varias temporadas, séntese "ben, arroupado polo grupo que teño detrás que me axuda moito; e despois tamén polos xogadores. A pesar de ser a miña primeira experiencia levaba tres ou catro anos de segundo. Así que me picaba xa e quería probarme. Estou contento. Non fago nada especial: tentar esixir o máximo coas nosas ideas, compensar o día a día aos xogadores, tentar que todos estean contentos, expectantes para poder xogar e iso é o que quero, buscar o equilibrio porque penso que nunha liga longa todos son importantes".

Finalmente, é consciente que "os rivais nos ven como un dos rivais a bater, e máis sendo o campión. Temos que esixirnos e non pensar que co nome, nin con ABANCA-RIAZOR gáñase. Ao final os protagonista son eles, os xogadores máis que o nome, o escudo e todo. Eles saben que aínda que sexan o campión son un grupo bastante novo. Respecto do cadro do ano pasado quedan poucos, pero a bitola de campión non nola van a quitar, entón o que temos que facer é ir cunha esixencia máxima. E iso é o que lles tento transmitir. Para os rivais gañar ao campión do ano pasado é un premio moito maior que gañar ao Deportivo, que tamén é un premio grande".