RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manuel Pablo cre que "o máis xusto é tentar acabar a liga", aínda que "sexa un pouco a contrarreloxo"

Manuel Pablo, capitán do primeiro equipo durante varias temporadas e agora no corpo técnico do Fabril, pechou a semana na sala de prensa virtual do Dépor.

Lembra especialmente con agarimo da súa traxectoria como xogador, ademais dos típicos partidos como o Centenariazo de Copa, o 5-2 ao Real Madrid en ABANCA-RIAZOR, "un partidazo completo noso contra un gran rival"; "un contra o Manchester United, que non recordo se foi o que gañamos 2-1 ou perdemos 1-0, que foi algo incrible para min polos seus interiores: Giggs e Beckham"; e "o que gañamos ao Celta en Vigo co gol de Borja (Fernández) polo ambiente, por todo".

Do pasado, o lateral deportivista confesa que "me gusta ver sobre todo se é para celebrar. É bonito. Á parte están a televisar moitos partidos tanto de fútbol, como de baloncesto ou tenis de tempos atrás. Gústame velos por como cambiou todo, ver un pouco o cambio que se deu en todos os deportes. Son partidos importantes e cunha presión e ambientes bonitos. Dá gusto velos pola tele".

Non cre que a competición en Terceira División póidase retomar: "Véxoo imposible porque as datas non dan. En Terceira os xogadores traballan e sería todo un pouco irregular. En Segunda B o mesmo, aínda que é unha categoría semiprofesional. Haberá equipos que non poidan se se ten que xogar mércores e domingo, que é o que parece. Primeira e Segunda si que van xogarse porque tentas que o impacto económico sexa o menos posible dentro das perdas que vai haber. Tentas salvar algo. Aínda así hai equipos con cadros curtos e vai ser un final de temporada complicada para todos".

No caso do Dépor, ve factible xogar no verán "se se prepara ben. Á parte están os tempos mortos. Necesitas un tempo de preparación. O máis importante é o tempo de recuperación. Xogar cada 48 horas, como se está dicindo, paréceme imposible porque o corpo está en proceso de recuperación. Terán que alternar entre 3 ou 4 días. Está todo moi limitado, moi complicado pero tentan salvar unha parte dentro do desastre económico".

Iso si, o máis xusto é "tentar acabar a liga. Será un pouco a contrarreloxo e oxalá se poida acabar. Outra das opcións é anulala. As perdas son grandes pero non ten sentido dar por acabada unha temporada cando quedan aínda bastantes partidos. Esa terceira vía non a contemplo e non creo que se deba contemplar. Para min a opción primeira é acabar a liga sen poñer en perigo a ninguén. Dentro de que todos están na mesma situación, é o máis xusto".

Estas semanas de confinamento, segundo Manuel Pablo, van afectar ao futbolista porque "as limitacións para adestrar son moitas. Non ten nada que ver co xogo, co fútbol. Aínda que fagas moito, necesitas unha pretemporada. A ver de cantas semanas pode ser. Cando empece a competición, os futbolistas chegarán cun pico de forma non tan alto como estaban. Terá que ir progresivamente e non sei se en tan pouco tempo chegarán todos ao pico".

A nivel persoal, conta que "leva en Terceira desde a etapa de Cristóbal Parralo. Empecei a colaborar con eles. Estaba a facer o curso e tiña que facer as prácticas. Xa levo 4 anos entre a formación propia e no corpo técnico estes últimos 2 anos, con varios adestradores que pasaron. Está claro que un ten esa espiral que lle pica e expóñome adestrar o máis pronto posible. Dada esta situación, o que pasa co Club e dentro do Club, haberá que esperar un pouco. Pero si que pola miña cabeza está máis pronto que tarde dirixir algún equipo".

Indica que renova o seu contrato ano a ano "e non sei o que vai pasar este ano"; e asegura que con Juan Carlos (Valerón) "véxome en calquera lado porque é alguén co que teño algo especial. Vemos as cousas dunha forma moi parecida, case igual. Penso que o Dépor merécese a Juan Carlos e Juan Carlos merécese ao Dépor. Oxalá poida volver. Para o Club, para a afección e para el sería unha gran noticia".

Subliña que non depende del o seu salto ao banco do primeiro equipo: "Son traballador do Club e o Club é o que decide, os adestradores tamén. Depende da persoa que estea ese momento ao cargo do equipo e do que diga o Club. Estou tranquilo no Fabril. Levo 4 anos desde que empecei as prácticas con Cristóbal. Tentando axudar desde a parcela que sexa ao Club e agradecido que pensen que lles podo achegar".