RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manuel Pablo: "Os xogadores demostraron que queren ao Club, unha enerxía, un amor..."

Manuel Pablo, feliz pola gran noite vivida en ABANCA-RIAZOR, subliñou na sala de prensa que os futbolistas branquiazuis "demostraron sobre todo que queren ao Club, unha enerxía, un amor... E #ANOSAFORZA sente identificado con eles. O único que lles dixen é que hai que deixarse todo aí. Sabiamos que tiñamos o apoio completo da afección e así foi, levounos e foi espectacular. Xa ves como acabou o partido. Foi moi bonito. Antes de empezar xa lles dixen que tiñan que sentirse orgullosos polo que transmitiron, porque non é fácil conseguir a ilusión de 10.000 persoas ou máis nun equipo xuvenil. E iso é para gardalo para sempre".

Confesa que ao empezar o encontro "xa estaban a ver o ambiente e só había que prender a mecha para que ABANCA-RIAZOR estalase. A alma estaba fóra e nós tiñamos que pór o resto".

De feito, subliña que "está claro que nos axudou a remontar e a todo. Estaban (os xogadores) sobreexcitados pero iso para min era moi bo e beneficiounos. Era por todo o que rodeara este partido e por iso estabamos convencidos de que o iamos a poder lograr. Sabiamos que teríamos dificultades. Eles son un equipo fisicamente moi forte, con xogadores moi bos individualmente que nos podían facer sufrir. Pero fixemos unha gran eliminatoria, sufrida. Aos golpes alá foron eles mellores, nós aquí tivemos aínda máis situacións que eles”.

Protagonista no campo por exemplo da remontada de Liga de Campións ante a AC Milan, Manuel Pablo afirma que esta noite, na banda, “goceino moitísimo. Deixeime a voz e a cabeza. Estiven máis en tensión, como cando era xogador. De futbolista sufría cos contrarios e aquí sufrín polos xogadores. Estabamos a facer un gran partido, podiamos terminar a eliminatoria antes, pero non chegou até o último minuto. Creo que iso foi bo para que xa non tivesen tempo de reacción. Foi igual de bonito tanto de adestrador como de xogador”, conclúe.

Advirte o adestrador branquiazul que en #ANOSACANTEIRA “veñen xeracións boas. Está a traballarse ben e está agora mesmo o nivel alto. Está claro que non todos van chegar, pero pódense empezar a dar oportunidades tamén sabendo que este Club a nivel deportivo e a nivel económico ten unha necesidade imperioso de subir. E iso ás veces é complicado medir coa canteira. Hai vimbias e hai que ir téndoos en conta e ir aos poucos xa dándolles oportunidades”.

Finalmente, sobre o Maccabi Haifa, rival na segunda eliminatoria da Ruta de Campións Nacionais da Youth League, espera “non sufrir tanto como esta eliminatoria. Estaremos máis alerta tamén a estas situacións. Non será fácil porque xa vemos o nivel dos contrarios. Imos ter que pelexalo, pero temos esa ilusión de seguir pasando eliminatorias e seguir avanzando para seguir ilusionando a #ANOSAFORZA”.