RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

María Méndez asegura que o segredo do Deportivo ABANCA é "a unidade e o traballo constante"

A internacional do Deportivo ABANCA María Méndez respondeu as preguntas dos medios na sala de prensa virtual do RC Deportivo.

Recoñece que existe "certo medo a que unha temporada que en todos os niveis está a ser incrible, lévena un pouco ao esquecemento estas cousas extraordinarias (folga, confinamento...) Para iso como equipo temos que estar preparadas e cando volva todo á normalidade, volva a liga, temos que seguir dando o nivel e gozando deste bonito ano".

Conta que o confinamento "o estou levando da mellor maneira posible. Por sorte estou en casa e non no hospital e iso é unha cousa que debemos valorar. Estou a facer exercicio durante todos os días segundo un plan que nos enviou a nosa preparadora física Lucía Piñeiro. Algo perderemos pero isto é normal. Non é o mesmo adestrar en casa, co material que podes adaptar, que un día normal no teu club coas instalacións que temos no Dépor ABANCA. Estou segura que as nosas ganas e ambición igualarán ese físico que perderiamos e poderemos estar ao nivel da competición".

Conta que cada día adestra polas tardes segundo o plan remitido por Lucía Piñeiro, "e polas mañás moitas veces adoito facer un adestramento específico co meu irmán para seguir mellorando aspectos que me axudarán a ser mellor futbolista. Tentar esixirme cos accesorios que teño na miña casa e levalo da mellor maneira posible".

Insiste en levar "unha rutina para estar entretida e non ter tempos mortos que me leven á desesperación. Pero non debemos de queixarnos neste tipo de situacións porque teñamos que estar metidos en casa. Hai moita xente que pagaría por estar en casa e non nun hospital morréndose en condicións moi malas. Iso faime reflexionar e ver que non todo o peor é quedarme un tempo en casa".

A xuízo de María Méndez, o segredo do Deportivo ABANCA é a "unidade e o traballo constante de todos e todas. É fundamental en calquera equipo e lévache a gañar partidos independentemente a que a xogadora que teñas enfronte teña máis calidades que ti ou sexa mellor futbolista".

Ten claro que "non é momento para pensar no meu futuro. Estou a pensar no presente, en que todos e todas salgamos desta situación da mellor maneira posible; e que se retome a liga e podamos seguir gozando deste ano tan bonito".

Eloxiou o poema que a fisioterapeuta do Club, Andrea Seijo, realizou coa achega de todas as xogadoras do Deportivo ABANCA: "Ademais de fisio, ten uns dotes incribles. Adóitalle encantar facer poemas, cantar. Aproveitamos os intres libres nesta corentena e para unir ao grupo, presentouse voluntaria para facernos un poema no que todos participaramos con algunha frase ou palabra que nos levase a pensar a situación pola que estabamos a pasar".

Apunta que "na Primera Iberdrola compites en todos os partidos e iso nótase respecto de anos anteriores. Hai máis experiencia e xogadoras mellor preparadas nesta liga, con mellores calidades. Isto fai que teñamos que estar ao 100 % en cada partido".

Avoga porque "se xogase, que todos os equipos poidan terminar a liga; independentemente das circunstancias que estamos a vivir. Ao ser unha situación extraordinaria, que nunca vivimos, temos que adaptarnos ao momento. Oxalá se poida terminar e quedarnos co bo sabor de boca que tiñamos até o momento; pero ser conscientes da situación e ver que é o mellor para todos".

É máis, "daríame pena que non se xogase máis por todo o traballo que hai detrás das vitorias. Estamos a pasar por un momento complicado e entendería en parte que se puidese suspender a competición".

Finalmente, dos momentos desta temporada queda co partido de Copa da Raíña ante o FC Barcelona: "Todos e todas nos deixamos a alma polo equipo. Quedarame marcado e ao final gañouche un equipo como o Barça no último segundo. A pesar da derrota, todas sacamos moitas cousas positivas, moitas cousas negativas. Foi un partido histórico".