RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
ACTUALIDADE

Mario Nájera rescata ao Fabril na Estrada

Dous goles de Mario Nájera na segunda metade rescataron ao Fabril (2-2) esta tarde no Municipal da Estrada co CD Estradense, en choque correspondente á 4ª xornada en Tercera RFEF.

O equipo local foise ao descanso con dous goles de vantaxe en dúas poutadas nos minutos 27 e 37 de Diego Fontes e Juanín. Non mereceu tal castigo o Fabril, que desaproveitou varias ocasións de marcar nas botas de Diego Gómez e Iñaki principalmente.

Tralo descanso, Óscar Gilsanz deu entrada a Nájera e Marcel; e aos poucos o filial branquiazul fíxose co mando do partido.

Nájera, de penalti, recortou diferenzas no 60 por unha derriba de Iano Simão na área local.

Pouco despois, o Fabril saca toda a artillaría coa entrada ao campo de Martín Ochoa e Rubén. O xogo inclinouse definitivamente cara á portería do CD Estradense.

Tanto foi o cántaro á fonte que outra vez Nájera, no 85, marcaba o segundo do seu equipo e o segundo na súa conta particular; e, desta forma, rescataba polo menos un punto para o Fabril nun partido que se complicou na primeira parte.

Con este resultado, o Fabril suma 8 puntos no grupo de cabeza de Tercera RFEF.

Fabril: Brais Suárez, Marc, Puerto, Dani Barcia, Iano Simão, Brais Val, Barba, Iñaki, Diego Gómez, Jesús Ares e Iván García. Tamén xogaron: Nájera, Marcel, Rubén e Martín Ochoa.

A próxima semana non haberá competición ligueira. En quince días, o Fabril recibe en Abegondo ao CSD Arzúa.

Os resultados do Fabril en liga son os seguintes:

UD Paiosaco 0 - Fabril 1 (Diego Gómez)
Fabril 1 (Dani Barcia) - Alondras CF 1
Fabril 2 (Jairo e Diego Gómez) - Arosa SC 1
CD Estradense 2 - Fabril 2 (Nájera -2-)