RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Max Svensson destaca o traballo defensivo do equipo e Mario Soriano fala de "un partido feo"

Max Svensson e Mario Soriano, os goleadores do Dépor esta tarde, pasáronse pola zona mixta do Estadio Nuevo Mirador de Alxeciras.

O dianteiro catalán afirma que "foi un partido difícil, os centrais eran bastante fortes. Ás costas vía que tiña máis potencia que eles e de aí vén o gol. Saímos moi ben da presión, un balón en longo de Antoñito e acabou dentro".

No seu primeiro gol coa camiseta branquiazul sentiu "moita alegría porque viña de partidos que non me entraban. Estou moi contento por iso".

Svensson confesou sentirse "moi cómodo no partido. Logo na segunda parte o rival apertou máis, empezou a cargar máis a área, con moitos máis centros pero soubemos defender moi ben e logo nunha contra matar o partido".

Pola súa banda, Mario Soriano non lembra no que leva de carreira sufrir un penalti tan claro como o de hoxe, non sinalado polo colexiado, pero "o árbitro acordouse da acción do ano pasado miña que metín gol en ABANCA-RIAZOR (axudándose coa man como segundo o mesmo futbolista recoñeceu). Pregunteille no descanso se a viu e díxome que podería ser, que estaba dubidoso. Non pasa nada, hai que seguir e xa está. Queda aí".

Explica que o seu gol, ao cabo definitivo, "foi un contraataque noso que foi moi bo. Narro freouse e Rubén ten moita clase, moita visión, viume e deuma ao primeiro toque, controlei, vin a portería preto e finalicei abaixo onde adoito facelo. Hoxe tiven sorte de marcar".

O atacante madrileño márchase de Alxeciras "súper contento. Eu o que quero é axudar ao equipo co meu xogo, coas miñas accións. Se veñen os goles moito mellor e se valen os 3 puntos, súper feliz. Quítome esa espiña de marcar fóra de ABANCA-RIAZOR, que non o fixen até hoxe".

Soriano afirma que o vestiario deportivista era consciente que "hoxe (eles) ían apertar moitísimo, ían ir cara a adiante a por nós, na saída de balón, non nos ían a deixar xogar fácil. É verdade que estivemos mellor en Valdebebas. Hoxe non estivemos ben con balón, non estivemos cómodos, toquei moi pouco balón eu, Quiles, os de arriba moi pouco, os mediocentros... Non estivemos cómodos para levar o balón cara a adiante e foi un partido feo".

A nivel anímico, o goleador branquiazul cre que estas dúas vitorias consecutivas "vannos a vir moi ben. Agora a pensar na Copa, desconectar un pouco da liga. Necesitabamos estas dúas vitorias, seguir con esta dinámica de 3 puntos e conseguir os máximos puntos fóra de ABANCA-RIAZOR, que vai ser moi importante este ano. En casa temos ese plus con #ANOSAFORZA, con todo".