RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Mel incidiu en que o fútbol español pensaba que tiñamos equipo para non estar a sufrir como estabamos", di Álex

Álex Bergantiños pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo, nada máis finalizar o adestramento diario do RC Deportivo. Tras ser titular nas dúas últimas xornadas, ante Barcelona e Celta en Riazor, o mediocentro coruñés mostrouse "máis contento con poder participar e sentirme útil no equipo".

Recoñece que antes, relegado ao banco e en varios partidos á bancada, viviu unha situación difícil: "Sempre é difícil cando non contas. Tanto tempo foi unha situación nova na miña carreira. Pero hai que aprender de todas as etapas e tamén saco experiencia nesa etapa na que non fun tan partícipe no equipo".

Cre que o cambio de adestrador, coa chegada de Pepe Mel ao banco de Riazor, "deu un impulso anímico ao equipo, que estaba nun momento de moral moi baixo despois da derrota en Leganés e en como se estaba complicando a situación".

Explica que o técnico madrileño incidiu "desde que chegou, en recuperar a confianza en nós mesmos. Vía un equipo un pouco cabizbaixo, non tan consciente das posibilidades que tiña. Sobre todo incidindo niso, que todo o fútbol español pensaba que tiñamos equipo para non estar a sufrir como estabamos e como aínda estamos. Ese foi o seu primeiro obxectivo aquí. Conseguiuno ben con ese tramo de liga que fixemos tan bo".

Advirte Álex que agora "o realmente difícil é manter ese pico de intensidade, de cohesión, de ánimo. Niso estamos, traballando moito. Sabendo que agora veñen moi seguidos partidos moi importantes e que non temos nada feito. Vén unha parte intensa da temporada, tamén cunha marxe non tan grande sobre o descenso e temos que estar moi implicados estes días para tentar facer un bo mes de abril".

Sobre o partido en Mestalla deste domingo 2 de abril (18:30, Bein Sports), cualifica á Valencia como un rival "un pouco imprevisible pero con xogadores de moitísima calidade. Imos ter que facer un bo esforzo alí para tentar sacar algo positivo". Lembra que "fai dous ou tres tempadas a Valencia sempre gañaba en casa, era un equipo moi forte. Agora, quizais polas expectativas que teñen de Club máis grande, o feito de verse en zonas nas que non esperaban estar fai que lles condicione e os poña máis nerviosos ante unha afección esixente que teñen", engade.

A pesar do partido en Granada do próximo mércores 5 de abril, Álex pide centrarse primeiro en Valencia: "Non hai que refugar ningún partido. Ao final estamos preparados para competir contra calquera. Vímolo o día do Barça, que moita xente daría ese partido como moi difícil para o Dépor e gañamos".

Co fin do seu contrato no Dépor a temporada próxima, móstrase tranquilo sobre o seu futuro: "Cumpro 32 anos en xuño, teño outro ano máis de contrato. Contento de seguir no Club da miña cidade e a traballar ao máximo para alongar o máximo posible a miña carreira".