RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Mel: "Non nos debemos conformar. Debemos ser agresivos nas formulacións"

Pepe Mel ratificou esta mañá na sala de prensa de Abegondo as palabras de onte do presidente Tino Fernández: "O Deportivo podía facer algo máis. Non nos debemos conformar con que cada ano o Deportivo consiga a permanencia sufrindo máis ou sufrindo menos, aínda que ultimamente estamos a sufrir demasiado. Debemos ser agresivos nas formulacións".

Por este motivo, sobre a súa continuidade a próxima temporada no banco de Riazor, o técnico tamén se mostrou de acordo co presidente: "como eu sei que o pensamento do presidente é o mesmo, como sei que o pensamento da secretaría técnica é o mesmo, teño a ilusión e o convencemento de seguir aquí. Creo que xuntos podemos facer boas cousas. Boas cousas é que chegado a esta altura da temporada, o Dépor non se vexa outra vez no mesmo.

Espera que en Anoeta ante a Real Sociedad (12:00 horas, Bein Sports), "o Dépor teña a mesma intensidade do rival que vai estar enfronte desde o minuto un porque temos claro que a Real Sociedad está a xogarse estar en Europa. Non se pode permitir tropezar".

Destaca Pepe Mel do conxunto realista o seu centro do campo, "para min é dos mellorciños da liga, con Xavi Prieto, Illarra e Zurutuza. Logo xente que xoga moi ben por fóra, os laterais, Carlos Vela. É un equipo moi completo".

O plan para puntuar é "tentar ser máis fortes, temos que tentar que a Real non teña un partido cómodo. Na convocatoria está Edu por segunda vez, un rapaz, é unha boa noticia para o Dépor xa que estou seguro que no futuro próximo pode axudar ao Club. Temos que ser fortes por fóra. Non podemos facer o partido de ida e volta. Non temos nada que gañar. Temos que tentar que os partidos non rompan".

Tamén quixo deixar claro o adestrador deportivista que "para min non é o mesmo quedar o terceiro que o cuarto, non é o mesmo quedar o catorce que o trece, non é o mesmo quedar o dez que o once. No fútbol profesional todo suma e todo resta. E encima a iso engádelle que desde fai moi pouquiño iso supón máis ou menos diñeiro para o Deportivo".

O domingo empeza unha semana con tres partidos en sete días e Mel vaticina rotacións: "Utilizaremos aos xogadores empezando desde mañá, o mércores e logo o partido importantísimo do Sadar".

Nesta liña, apunta que "é o momento para que a xente que queira reivindicarse o faga. Está a ser así desde o primeiro día. Cando cheguei xente como Laure, Álex Bergantiños, Mosquera e Fayçal Fajr foron protagonistas no partido contra o Atlético de Madrid".