RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Mel: "O Dépor soubo buscarlle as cóxegas ao Barça"

Pepe Mel, adestrador do RC Deportivo, celebrou que o seu equipo soubo "buscarlle as cóxegas ao Barça" e explicou que os xogadores "agora" cren que son "capaces de todo".

O técnico branquiazul debullou o sucedido no encontro desta tarde. "Non me gusta que se esqueza que nós xogamos tamén o mércores, a nosa Champions particular. Nós tamén viñamos moi xustiños e con baixas importantes. Dito isto, o Dépor soubo buscarlle as cóxegas ao Barça, soubo o que tiña que facer para que o Barça estivese incómodo. Ás veces non sae, pero hoxe saíu, así que contento polos rapaces e porque a afección do Dépor ten que estar orgullosa dos futbolistas".

Preguntado sobre que lle fai sentir máis orgulloso do partido realizado polo Deportivo, respondeu que "á parte de que o Barça non tivo moitas opcións de gol na primeira parte, todo o que pasou desde o momento en que o Barça empatou. Co estado de ánimo anterior, o Dépor perdería, seguro. Pero nós cremos agora que somos capaces de todo".

Ao falar sobre a salvación, reafirmouse en que "é o principal" e aproveitou para lembrar que "minutos antes de empezar o partido contra o Atlético, o Dépor estaba empatado a puntos co Granada. A situación actual é fundamental para que este Club traballe con tranquilidade, que os futbolistas se solten".

Mel quixo destacar a actuación individual dalgúns xogadores. "Quedo co traballo de Bruno Gama, quedo co partido tácticamente intelixente e de garra que fixo Álex Bergantiños e quédome con Joselu, porque lle pedín moitas cousas que non van coas súas características e esforzouse en facelas", comentou.

Pola súa banda, o técnico do FC Barcelona, Luis Enrique Martínez, non puxo obxeccións ao triunfo deportivista, pois segundo a súa opinión "non hai nada que xustificar á derrota".

"Vendo un pouco o inicio do partido xa se viu que nos ía a custar. O rival foise crecendo e nós fumos cometendo erros. Esperaba que co empate puidésemonos meter un pouco máis no partido, pero o Dépor seguiunos xerando transicións. Non hai nada que xustificar á derrota, hai que aceptala e pensar que quedan moitas xornadas", afirmou o adestrador azulgrana.