RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Mel: "Técnicos e futbolistas estamos en débeda coa xente que nos seguiu todo este ano"

Pepe Mel subliñou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "o corpo técnico e o cadro de futbolistas estamos en débeda coa xente que nos seguiu todo este ano, e que esperaba máis e por desgraza non llo puidemos dar. O importante no fútbol moitas veces é terminar con boas sensacións".

Subliña que entende ao deportivismo: "Como afeccionado esperaba máis deste Dépor. Iso está no noso debe, soamente dos adestradores, cando digo adestradores digo corpo técnico, e dos futbolistas. Temos que tentar en tres partidos polo menos que a xente se vaia de verán pensando que o equipo ao final fíxoo ben".

No entanto, pídelles aos afeccionados "que sexan racionais, se nos cinguimos á clasificación. Seguramente ninguén fóra da Coruña ve que o Dépor vaia a pasar grandes apuros. Pero é certo que, como todo na vida, cando non se pechan as cousas e non se pechan e non se pechan, sempre hai esa marxe que che fai estar intranquilo".

Por este motivo, o técnico deportivista cre que o encontro de mañá domingo 7 de maio en Riazor ante o Espanyol (18:30, Bein Sports), "é un exame para todos. E máis aló do resultado o que quero é irme do partido coa sensación de que a xente traballou ben e que fixo as cousas ben". É máis, "mañá é importante para nós para deixalo todo listo e poder cambiar o estado de ánimo de todo un Club", engade.

Pepe Mel destaca do rival que "é un equipo moi complicado. E na miña opinión, aínda máis complicado cando xoga fóra de casa. Favorécelle a súa forma de encarar os partidos. Eles teñen dúas liñas de 4 moi xuntas, con 2 por diante. Transitan ben para adiante e para atrás, todos xuntos. Teñen un bo balón parado, con Jurado, Piatti, Reyes... Xogadores moi rápidos arriba, se xoga Leo (Baptistao), Gerard..."