RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Mel: "Temos que competir ben porque necesitamos puntos"

Pepe Mel subliñou esta mañá na sala de prensa de Riazor que en Mestalla ante o Valencia (domingo 2 de abril, 18:30, Bein Sports), "temos que competir ben porque necesitamos puntos. É o primeiro partido despois do parón. Imos a un campo difícil, cun rival historicamente grande, que é complicado de bater no seu estadio".

Iso si, lembra que o Valencia esta temporada "está nunha situación similar á nosa. Nós sempre imos coa obrigación de pensar que temos que gañar o partido".

Recoñece que a derrota no derbi "doeunos a todos, a min o primeiro porque se había algún partido que non quería perder era o do Celta. Sei o que significan os derbis, sei que neses partidos está en xogo a paixón da afección, están en xogo sentimentos... Ao final os puntos son os que son. Conseguimos 3 no partido anterior que non esperabamos, moi loitados, moi traballados, de forma merecida. Perdemos contra o Celta de forma inxusta, pero o resultado é o que é".

Por esta circunstancia, di Pepe Mel que "toca reactivarse outra vez e díxenlles que o mes de abril é fundamental en todas as ligas historicamente, pero este ano aínda máis se cabe. Sete partidos de liga son moitos nun mes".

Referiuse ao fabrilista Edu, novidade na lista: "Eu non fago cousas para a galería. Se Edu está no lista penso que ten as mesmas opcións de xogar que o resto. Seguramente Edu non vai xogar de inicio. Pero depende de como vaia o partido, as cualidades que el ten poden vir ben ou mal para certas cousas. Eu non miro os carnés de identidade, se o xogador ten 40 anos ou 17. O importante é o que che pode dar".