RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Mel: "Temos un equipo competitivo, que cada día está a facelo mellor"

Pepe Mel compareceu esta mañá ante os medios de comunicación na sala de prensa de Abegondo.

O técnico deportivista valorou en primeiro lugar o arranque ligueiro, coa visita do Real Madrid ao Estadio ABANCA-RIAZOR na primeira xornada: "Temos que prepararnos ben, como estamos a facer. Esperamos un escenario completamente diferente ao do partido do ano pasado. Outra cousa segura é que hai un futbolista que non vai xogar (por Fede Valverde, por temas contractuais), así que pensando nese partido e prepararnos".

Neste sentido, apunta que "é a nosa estrea en casa, ante a nosa xente. Temos ilusión na nova liga. Queremos facer as cousas ben. Queremos ser protagonistas por cousas positivas. Creo que a pretemporada se programou pensando en chegar moi fortes. Por iso estamos a competir tan a miúdo. Dá igual o rival que teñamos enfronte: pola mañá adestramos forte para pola tarde xogar con pernas cansas. Foi o Real Madrid o primeiro. Nada que dicir. Temos as opcións de gañar como calquera partido".

Cualifica ao Real Madrid como un equipo "moi importante dentro do campo, con moitas variedades, posibilidades de xogar de diferentes formas, grandes xogadores. Vén de gañar Liga e Champions. Temos que mostrar nosa mellor cara e por iso estámonos preparando desde o día 5 de xullo".

En canto á fichaxe do central suízo Fabian Schär, Pepe Mel subliñou en primeiro lugar que "estou encantado cos catro (centrais) que teño aquí (Sidnei, Arribas, Albentosa e Róber). Están a traballar fantasticamente ben e eu conto cos catro. O Club díxome que había que prever o que sucedeu o ano pasado con Lucas e que hai posibilidades que teñamos o mesmo problema nun momento da temporada en que está difícil reaccionar. E por iso fixo este movemento".

Sostén que a súa preocupación é "o dianteiro. Vistes que teño que usar nun momento a Óscar, a Bakkali... Mesmo Fede (Cartabia) estaba preparado para disputar o amigable de mañá (en Carballo). Non se pode competir cun só dianteiro".

Polo demais, en opinión do técnico deportivista, "creo que temos un equipo competitivo, que cada día que pasa está a facelo mellor".

Das novas incorporacións, manifestou estar "contento con todos. Están a achegar moitas cousas. Mesmo Bakkali vén cunhas ganas tremendas de demostrar que é un gran xogador. A Cartabia coñeciámolo. A ver se está ao cento por cento do mesmo xeito que Gerard. Moi contentos con todos, incluído o propio Róber, que a min me sorprendeu moi positivamente".

Referiuse tamén á portería. Con dous gardametas como propios do primeiro equipo (Rubén e Tytoń), deixou claro a súa preferencia ante os medios de comunicación: "Non me gustaría ter tres porteiros profesionais. Ademais creo que o Dépor atopou unha perla e hai que coidala ben. Isto, á parte de ser un club de fútbol, hai que ser listos. Hai que saberse manexar. Cando un xogador ten posibilidades hai que coidalo porque logo o futuro de moitas cousas depende diso".