RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Miguel Llorente: "A clasificación é boísima e con posibilidades para aspirar absolutamente a todo até final de temporada"

Miguel Llorente desvelou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que a pasada fin de semana felicitou ao técnico do CD Pradejón trala vitoria do Deportivo ABANCA porque "dá gusto con equipos tan valentes e tan atrevidos, que viñeron apertarnos arriba desde o minuto un. Pero ao final está claro que ás nosas gústalles e vailles a marcha e arriscaron dentro do que é o noso risco, que practicamos todas as semanas e por tanto non é tanto risco. Os primeiros minutos foron un pouco máis complicados por algún córner. O seu balón parado era boísimo. Pero co paso do tempo fómonos alargando un pouquiño máis en cada acción e marcamos a primeira ou a segunda que tivemos, máis un gol anulado en fóra de xogo.... Foi un bo partido, diferente ao que nos atopamos até agora, pero tamén está ben atoparnos con eses partidos para saber que é o que nos imos a atopar e como saír de aí".

Advirte que do rival de mañá sábado 22 de xaneiro ás 17:00 en Abegondo, o CD Parquesol, "non sabemos absolutamente porque o adestrador (Santiago Sedano) é a primeira semana que está con elas, por tanto non temos nin idea de que nos van a facer. E iso a min gústame e para nós é moi práctico porque tes outra vez que afianzar o que é o teu, independentemente do que che veña a facer o rival. Por tanto, seguir co noso, coller confianza co noso e a partir de aí ver que se nos expón e en función do que nos expoña, independentemente do que eu poida pensar no banco, sexan elas as que decidan e saiban como levar o partido".

Nesta liña, subliña que "a adaptación é clave. Se tivese que elixir entre dous ou tres puntos importantes para min como adestrador sería un dos máis importantes. Para min o obxectivo de todo adestrador é que deberiamos ser prescindibles. Teñen que ser elas as que saiban xestionar o que pase en cada momento. De feito, todas as tarefas que practicamos van enfocadas a iso. Non hai nada pechado, é todo aberto, é todo incerteza. Ao principio custa porque a todo o mundo gústalle que llo dean máis ou menos feito, pero eu non creo nesa maneira de adestrar. Iso fai que estean preparadas para partidos como o do CD Pradejón, que non ten nada que ver co do Oviedo Moderno CF, ou contra o da SE AEM, ou calquera partido destes. Eu estou moi contento, elas tamén porque se ve unha adaptación, igual que se ve unha adaptación á hora das posicións, dos roles. O meu obxectivo é que entendan o xogo na súa total globalidade e a partir de aí, pase o que pase, que saiban reaccionar para ben e saiban sacar os partidos adiante".

Cualifica de "marabillosos" estes primeiros meses na Coruña coincidindo co final da primeira volta da liga ante o CD Parquesol: "Xa o dixen o primeiro día, o que me atopei aquí é un recibimento brutal, xente moi próxima, isto é unha familia. E é o que eu persoalmente necesitaba despois dun ano anterior máis difícil. Viña cun equipo feito, podería saír mal, poderiamos ter ideas totalmente contrarias a Manu Sánchez e a Pablo Pereiro, que son os que montaron o equipo. Pero a pesar de non ser as mesmas ideas son ideas bastante próximas e eu puiden aproveitarme dese traballo que fixeron eles. E ademais acompáñannos os resultados".

Conta que tiña "certas dúbidas do tempo que imos tardar en conseguir xogar dunha maneira que eu buscaba e díxenllo a elas que imos máis rápido do que eu cría e plantámonos ao final da primeira volta como líderes entre comiñas e senón líderes, colíderes. Por tanto, a clasificación é boísima e con posibilidades para aspirar absolutamente a todo até final de temporada".

Finalmente subliña o papel da coruñesa Carlota Sánchez, titular en Pradejón a pasada fin de semana: "É insubstituíble, porque a podes poñer case até de porteira. É unha xogadora que grazas ao atrevemento e a calidade, que ten moitísima calidade, pode xogar onde ela queira ou onde nós decidamos. Iso fai que para min, pola maneira de ver o fútbol e a maneira do xogo, que non hai uns roles excesivamente pechados e unhas posicións excesivamente claras entende o xogo no contexto de 360º. Sabe cando se ten que virar, cando ten que xogar de cara, cando ten que conducir, cando ten que ir cara adentro ou para fóra... Para min é moi cómodo ter unha xogadora como Carlota. Pódela poñer en calquera posición que sabes que vai render ben, vai manter o nivel, que vai ir ben á presión após perda... Por tanto, cumpre todos os requisitos que para min ten que ter unha xogadora completa como ela".