RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Miguel Llorente asegura ter "moita confianza nelas. Estou moi orgulloso deste equipo"

Miguel Llorente recoñeceu esta mañá en rolda de prensa que despois do partido do pasado sábado ante o Atlético de Madrid B, no que se certificou o playout para o Dépor ABANCA, "a sensación que tiven foi mellor da que eu me esperaba porque tivemos ese punto estraño que non sabiamos moi ben o que pasara".

Recoñece que aínda que "é verdade que o partido do outro día tiñámonolo que levar, inconscientemente tamén te vas preparando para este día. Onte (no adestramento) non as vin mal. Obviamente poderiamos estar moitísimo mellor, pero somos conscientes do que é, somos conscientes de que é un partido máis. porque é un partido máis; e á vez é o partido máis importante da temporada".

Confesa o técnico deportivista que se pregunta "todos os días desde hai bastantes meses" que levou ao equipo branquiazul a esta situación: "Todo vén a raíz do parón de Nadal. A primeira volta é moi boa, pero as vacacións non nos sintan ben. Perdemos contra o RCD Espanyol, logo volvemos gañar 2 partidos e nese momento chegan 5 lesións de moi longa duración que non pensamos que ían durar tanto; máis a de Alba Merino, cando nos confirman que os 3 meses pasan a ser case 6. É un punto de inflexión crave. A maneira de xogar que temos tela que modificar porque non tes xogadoras para facelo. Entón a metade de camiño tes que cambiar de plan e improvisas outra maneira de xogar na que eu non me sinto tan cómodo. Aínda así sacamos algún resultado positivo, pero o resto ou a maioría non son positivos. Con esas lesións, as xogadoras que nun momento dado nunha temporada ideal poderías rotar e facer que descansasen, non descansan. Vanse acumulando minutos. Cando volven as lesionadas, fai 4 xornadas, temos ás xogadoras que non descansaron cargadas de minutos máis o tema de cartóns, que algunha se tivo que perder algún partido por cartóns, e as que volven de lesión recuperando. Para min o tema das lesións é clave. Por suposto o tema de Ana González para min é clave tamén. É algo que ninguén se espera. Preguntáchesme en xaneiro, febreiro, quen ía ascender e eu dixen o que teña mellor xestión de vestiario, pois imaxínache o que pasou".

Cre que "todos temos moitísimas cousas que mellorar e moitísimas cousas que facer, novas ou diferentes. Primeiro eu, por suposto, e en moitas cousas son o principal responsable, pero houbo un cúmulo de cousas, de situacións que non che pasan noutras temporadas que pasaron todas xuntas nesta e ao final, despois dunha primeira volta moi boa, foi unha segunda volta mala. Aínda así, despois desa primeira volta, en condicións normais nunha temporada normal, vas sexta, entón é unha temporada mala porque este equipo está feito para ascender pero quedas sexta. Esta temporada fai que todo se multiplique por 10 e esteas a piques de descender, aínda quedando sexta. É unha temporada peculiar, estraña, pero estamos onde estamos porque fixemos as cousas como as fixemos. Agora a xogar o martes e despois do martes, volver falar".

Ve "curioso que por un gol quedes fóra ou entres no playout, pero poderiamos solucionalo moitísimo antes". "Se ese gol chégalo a meter hai 5 semanas ou chegas a gañar contra o DUX Logroño aquí (en ABANCA-RIAZOR) contra 10, isto non existiría", subliña.

Do rival, o Real Unión de Tenerife, comenta que "é un equipo que fai un xogo similar aos que se fixeron na nosa Liga este ano. É un equipo forte, rápido, ás veces xoga con liña de 3, ás veces con liña de 4, acumula xente por dentro, ten xente rápida arriba... É un equipo que podería xogar o noso grupo perfectamente".

Con apenas dous días de marxe entre o último partido de liga e o playout, apunta que esta circunstancia é "anormal, igual que non é normal esta temporada a nivel de descensos, ascensos. É unha temporada diferente, por non dicir rara, entón para que esta temporada teña certo efecto, teñen que facer cousas raras. Eu creo que non o imos a ver en moito máis tempo. Tocounos vivir esta temporada aquí, pois a vivimos perfectamente".

Iso si, destaca que "o martes é un lugar onde non teriamos que chegar, onde sabedes perfectamente que levo dicindo semanas que non penso e onde ao final por narices tiven que pensar".

Percibe que "todo o mundo quere terminar xa porque está a ser unha temporada moi intensa, moi densa e (as xogadoras) son as mesmas da primeira volta. Teño unha confianza e un orgullo pleno cara a elas. É o seu momento. Levo semanas nas que me dou conta que non teño xa case incidencia nelas para ben. Mañá é o punto final. Teño moita confianza nelas, estou moi orgulloso deste equipo e fixemos cousas que eu nunca fixera en ningún outro equipo. Non teño dúbidas de que será un día bonito, histórico para o Club e para nós".

Finalmente está convencido que "se aquí xuntamos 4.000 persoas gañamos seguro. Pero teñen que vir. Nós estamos a facer o chamamento a todo o mundo que mañá martes ás 8 chova ou non chova apetézalle ver ao feminino".