RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Miguel Llorente cre que este Trofeo Teresa Herrera "foi unha aprendizaxe enorme, e é do que se trataba"

Miguel Llorente, técnico do Deportivo ABANCA, manifestou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que está, "sen pensar moito, bastante contento. Teño unha sensación un pouco negativa porque ao final sei que para o Club é importante este torneo e que se che escape nos penaltis cando tiveches o control absoluto do partido, tiveches as ocasións, puxeches o xogo, a intención... é un pouco feo. Pero estou moi contento. A actitude das rapazas foi de dez. Para levar unha semana e media xa ven certas cousas, certas intencións conxuntas. Creo que foi un bo partido, que nos atoparemos moitos ao longo da temporada. Foi unha aprendizaxe enorme, que é do que se trataba".

O adestrador deportivista quixo que as súas xogadoras tivesen "un punto de pausa á hora de xogar; que non haxa precipitación porque en función diso podemos decidir moito mellor; e sobre todo que queremos o balón o 98 % do tempo. E para iso hai que ter unha intención conxunta de que cando se perde, saltar e recuperar. Viuse claramente a pesar de ser o primeiro partido. E con iso quédome".

Subliña que o Deportivo ABANCA, a estas alturas de pretemporada, "está no punto no que temos que estar. A mágoa é o resultado pero é moito máis importante o como que o que".

Miguel Llorente tivo palabras sobre o seu debut en ABANCA-RIAZOR: "Para min é un templo da liga española e do fútbol. Estrearme aquí é un soño feito realidade. A todo o mundo gústalle xogar en campos así e eu puiden cumprir un soño deste calibre", apunta.

Indica sobre Maria Ruiz, elixida MVP Estrela Galicia do partido, que "me gusta o seu perfil porque ten moitísimas ganas e é rueira. E iso a min gústame. Ten ganas, ambición. Vimos o golpeo de falta e mágoa que non entrase. Gústame moito. Durante esta temporada daranos grandes resultados e grandes alegrías".

Finalmente o técnico branquiazul considera que o cadro do Deportivo ABANCA "podería estar pechado. Iso non quita que puidese haber algún cambio de última hora. Temos que miralo. Pero de momento equilibrado está seguro e iso é o que nos interesa".